A iniciativa do BNG, o Pleno de Redondela demanda da Xunta un Plan de Emprego.

A iniciativa do BNG, o Pleno de Redondela demanda da Xunta un Plan de Emprego.

O goberno de Javier Bas, defende as medidas tomadas polo executivo galego

 Na moción presentada pola organización nacionalista “a prol de políticas activas do emprego”,  solicitábase un cambio de rumbo nas políticas de emprego do goberno de Núñez Feijóo. Fronte aos 8 millóns de euros invertidos no 2013, redúcese a unha partida de tan só 113.000€ na presente anualidade. Na defensa da moción, a voceira nacionalista, Cecilia Pérez recordou a necesidade de poñer orzamentos enriba da mesa para diminuír as taxas de paro, que na Galiza superan o 25%. Para isto considera unha condición indispensábel “que o goberno da Xunta de Galiza asuma competencias plenas nesta materia”.

 

Incomodidade do goberno municipal.

Non sentou nada ben entre as filas populares a presentación desta moción, esgrimindo que se trata de acordos que pouco ou nada teñen a ver cos verdadeiros problemas dos veciños e veciñas de Redondela. A concelleira de emprego, Ana Alonso, defendeu as iniciativas que en política laboral está a desenvolver a Xunta de Galiza e o goberno do Estado, restando importancia á capacidade do goberno galego de ter competencias plenas.

Para o BNG, o goberno de Javier Bas segue defendendo “o emprego en precario”. Apostan pola contratación de becarios e becarias como recurso para a entrada no mercado laboral, asinan convenios entre Concello e diversas empresas para prácticas laborais gratuítas aboando os desprazamentos, fomentan as contratacións municipais por pouco máis de 500 euros, e mesmo xustifican a temporalidade laboral.

Trátase de afianzar un modelo baseado na precariedade, na temporalidade e na perda de dereitos laborais, que o Partido Popular pretende instaurar tanto na administración pública, como na contratación de carácter privado.

 

Xustificación da abstención.

Cecilia Pérez rebateu todos e cada un dos argumentos da concelleira popular. Avogou porque o goberno da Xunta dote orzamentariamente partidas e políticas activas a prol do emprego.

Novamente o goberno municipal de Redondela, rexeitando frontalmente tanto os contidos, como os acordos recollidos nunha moción plenaria, decide absterse para evitar o conflito cos sectores que están sendo agredidos polas políticas antisociais do Partido Popular. A moción presentada pola forza nacionalista, saíu adiante grazas aos apoios de AER e PSOE.

“ O BNG vai continuar traballando a prol dos sectores produtivos, e das capas sociais que están soportando unha crise imposta por un sistema que fomenta as desigualdades, no que o Partido Popular exerce un enorme protagonismo”

 

A iniciativa do BNG, o Pleno de Redondela demanda da Xunta un Plan de Emprego.