Javier Bas pretende agochar os resultados do PP en Redondela.
Despois de que os veciños e veciñas de Redondela participaran na cita eleitoral do domingo 26 de xuño, cabe facer diversas consideracións.
Tal como destacou o responsábel local do BNG, Anxo Lusquiños, Galiza non tivo presenza nos espazos televisivos que son os que moven as tendencias eleitorais. Deste xeito o BNG, continuou colleitando malos resultados, nestas eleicións enfocadas como a eleición de presidente. Só cabe seguir actuando na base da sociedade para prantexar unha alternativa ao PP.
As Mareas, como no resto de Galiza, perden apoios eleitorais tanto en número como porcentaxe.
O Partido Socialista, recupérase levemente, nun concello como Redondela, onde nas estatais tén recollido resultados espectaculares.
Nembargantes o Partido Popular, malia que aumentou en perto de douscentos votos, non acadou os resultados que Javier Bas pretendeu vender en Radio Redondela. Cómpre recordar que con el como candidato á alcaldía, o seu partido acadou peores resultados que no 2011. Só unha hábil estratexia de negociar con AER, permítelle gobernar en solitario e de prestado.
En decembro de 2015, producíuse a auténtica devacle do Partido Popular, tanto estatal, en Galiza e tamén en Redondela. Agora, maquíllase en parte, motivado por un pequeno aumento do voto, mais principalmente por unha baixada na participación, onde 1.000 persoas quedaron na casa.
Os resultados do PP, son dos peores. Perto de sete puntos por debaixo da media de Pontevedra, e arredor de 10 arrespeito de Galiza. Trátase duns datos, que Javier Bas, malia repetir machaconamente, son incontestábeis.
Serve a valoración do presidente do Partido Popular en Redondela, para deixar ben clara a súa entrega a todas e cada unha das políticas emanadas dende Madrid. Polo tanto, abraza a reforma laboral, a LOMCE, a política fiscal que asfixia ás economías máis febles. Tamén está de acordo coa ampliación da autoestrada en Chapela, auspicidada polo seu partido, a falla de compromiso coa eliminación da peaxe, a falla de investimentos no tren de cercanías, o teren no punto de mira ao estreito de Rande.
Así pois non queda outra que seguir traballando para que este PP que goberna en minoría en Redondela, non teña doado desenvolver as súas prácticas políticas, similares ás que leva a cabo en calquera dos concellos de Galiza, caracterizado pola compra de vontades e consolidar a súa rede caciquil.