Protección da Rede Natura, depende para que.
Certo que a preservación, e conservación dun espazo natural tan agredido como o LIC Enseada San Simón, constitúe un dos grandes retos do conxunto da sociedade, que vive nesta parte do País. Aí, os gobernos municipais deben asumir un papel fundamental no labor de concienciación, educación e difusión do noso patrimonio natural.
A Enseada está sendo agredida dende hai décadas, pero moito máis nos últimos anos. O interese da Autoridade Portuaria por converter o Estreito de Rande, en base operativa para amoreamento de chatarra e barcos en desuso, non é máis que un exemplo do que o Partido Popular quere facer co noso medio natural.
Agora, dende o goberno municipal de Redondela, utilízase a preservación da Enseada, para prohibir a fogueira de A Portela. Sería comprensíbel, se se tratara dun paso máis nas políticas de preservación do espazo intermareal e da beiramar. Mais non existe unha actuación coordinada, programada con este fin. O que queda claro é que se trata da excusa empregada polo goberno de Javier Bas, para castigar unha festa, de fonda tradición pagán.
A inclusión da Enseada San Simón na Rede Natura supón toda unha xeira de retos, que debemos asumir. Mais este goberno do PP, utiliza en interese propio as indicacións e os preceptos das directivas europeas. O que serve para A Portela, non serve para constuír murallóns en pleno areal de Cesantes, esgazando de vez unha zoa de por si moi sensíbel, ou permitindo o deterioro da Duna da Punta da Praia, que tanto esforzo supuxo conservar e poñer en valor. Cómpre recordar, que mesmo se teñen celebrado festas e festivais, no propio areal, que o BNG cuestionou, e da que non fixeron caso.
Así pois o goberno de Javier Bas, vai continuar utilizando en beneficio propio as institucións, a lexislación e os medios administrativos para desenvolver medidas caprichosas, e unilaterais. Este PP síntese forte en Redondela.