A LOMCE, o Concello de Redondela e a cegueira do PP.
Esta semana celebrouse en Redondela a reunión ordinaria do Consello Escolar Municipal de Redondela.
A reunión serviu para, unha vez máis, confirmar que detrás da fachada populista e cínica do goberno de Javier Bas, que non se preocupa en absoluto de asegurar a mellora de condicións do alumnado dos centros de ensino do noso concello, se atopa un grupo político afectado polo mesmo andazo de cegueira que se está a dar no goberno da Xunta e no do Estado.
Unha vez máis, evidenciouse a soídade do Partido Popular na súa urxencia por aprobar unha reforma da Lei educativa a toda costa. O BNG presentou no Consello Escolar unha proposta de resolución que pretendía buscar o posicionamento de todas as persoas que representan a comunidade educativa e os colectivos sociais e políticos presentes no concello. Como era de prever, este documento que cualifica a LOMCE de españolizadora, antidemocrática, clasista e segregadora foi apoiado por todos os colectivos presentes no Consello Escolar: representantes das ANPAS, das asociacións de veciños e veciñas, do profesorado, do alumnado e, dos grupos políticos. A única nota discordante, como non, foi a da presidenta do Consello, a concelleira Teresa París, que ademais de votar en contra do documento afirmouse en voz alta na súa defensa desta lei.
Non sabemos ata cando chegará esta cegueira dos nosos gobernantes, que non son capaces de recoñecer o grande erro que están a cometer aprobando unha reforma educativa en contra de toda a poboación. Desde o BNG invitámolos á reflexión e a facer un exercicio de humildade, para que deixen de se crer en posición de ignorar o que toda a sociedade lles está a reclamar con todas as súas forzas.
O Bloque Nacionalista Galego non se vai cansar de pelexar en todos os foros posíbeis para botar abaixo o que é, probabelmente, o maior ataque á igualdade de oportunidades e, por extensión, á democracia do noso País.
NON Á LOMCE