AS MENTIRAS DO PP DESMÓNTANSE CON FEITOS

AS MENTIRAS DO PP DESMÓNTANSE CON FEITOS

Que o Partido Popular ocupa as institucións en beneficio dos seus propios intereses, é un feito constatábel hai ben anos.

Que este mesmo partido político basea a súa estratexia na manipulación e nas mentiras, demóstrase no dia a dia.

Que tamén en Redondela, e por moito que o queiran vestir de boas palabras e palmadiñas, o PP é o PP, xa o ten demostrado o BNG.

No seu discurso cargado de mentiras e falsidades, e por medio do Concelleiro de Medio Ambiente, lanzan a idea de que non se fixo tanto saneamento en anteriores mandatos. Mais, doutra volta queda en evidencia o grupo de goberno con dous feitos de notable importancia para a organización nacionalista.

Por unha banda, dous anos despois de rematada a obra, ponse en marcha o saneamento en Soutoxuste, co que máis dun cento de casas xa fan uso dunha infraestrutura imprescindíbel no artellamento dun concello.

Doutra banda, o grupo municipal do BNG, vén facéndolle seguimento ás obras de saneamento denominadas de A Chousa, na parroquia de Vilar no que outras setenta casas poderán conectarse nun futuro inmediato. Este proxecto xa quedara elaborado co anterior concelleiro de medio ambiente, Carlos Pazos, cun investimento de 200.000€.

Esta última obra representa igualmente o paradigma do que constitúe un goberno do PP e un goberno do BNG. Este saneamento poderá conectarse coas conducións principais que van polo Val do Maceiras ata a depuradora de Redondela, deste xeito, os veciños e veciñas que agora se van a enganchar ao saneamento, farano porque houbo unha planificación anterior, e se invertíu nos colectores principais. Caen polo seu propio peso, pois, as mentiras do PP.

Nin nos orzamentos de 2012, nin nos de 2013, nos que o PP contou coa colaboración da Agrupación de Electores, se recollen partidas tan importantes en saneamento (recordamos que en mandatos anteriores superaban os 600.000€ de media anual).

Obedece esta directriz da dereita a criterios clientelares, pois o equipo de goberno sabe que o saneamento, non é tan rendíbel electoralmente como os macroproxectos deportivos, ou o compulsivo cambio dos parques infantís no concello.

O Bloque Nacionalista Galego congratúlase pola posta en marcha de máis saneamento no concello de Redondela pois trátase dun aval a un xeito diferente de actuar dende o goberno, no que un proxecto ben artellado e a correcta planificación, benefician a un número maior dos nosos veciños e veciñas.

AS MENTIRAS DO PP DESMÓNTANSE CON FEITOS