MIRANDA MOSTRA EN REDONDELA O SEU APOIO Á PESCA DE BAIXURA E PIDE O SANEAMENTO INTEGRAL DA RÍA
A candidata nacionalista reuniuse con membros da Confraría e coa Asociación en Defensa da Ensenada de San Simón
Redondela, 25 de abril 2014.- A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, mantivo na tarde de hoxe en Redondela un encontro con membros da Confraría e da Asociación en Defensa da Ensenada de San Simón para apoiar a súa reivindicación a prol do saneamento integral da ría de Vigo. A ría de Vigo ten enormes potencialidades e lograr o seu saneamento integral suporía unha fonte de riqueza moi importante para toda esta comarca, dixo.
Ana Miranda, a quen as dúas entidades agradeceron o seu traballo no Parlamento Europeo na pasada lexislatura para que unha misión da Eurocámara viñera a Galiza a ver cal era a situación das rías galegas, anunciou que seguirá traballando na vindeira lexislatura dende o Parlamento Europeo para obter fondos europeos destinados ao saneamento da ría de Vigo.
A candidata nacionalista explicou que a comezos de 2015 chegarán fondos de Europa para medio ambiente e dixo que para o Goberno do Estado debería ser unha prioridade no reparto deses cartos o saneamento da ría de Vigo posto que hai unha esixencia do Parlamento Europeo para que iso se faga.
Pesca de baixura e marisqueo
A cabeza de lista do Bloque ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio, falou tamén da situación de sectores produtivos como a pesca de baixura ou o marisqueo, afectados por decisións da Unión Europea. Ana Miranda explicou que a Política Pesqueira Común da UE marxina á flota de baixura galega. Puxo como exemplo as cotas da xarda ou de outras especies que captura a flota galega.
Ana Miranda dixo tamén que na vindeira lexislatura dará a batalla no Parlamento Europeo para que a pesca de baixura sexa considerada pesca artesanal cun tratamento específico e para lograr que o marisqueo sexa recoñecido como actividade pesqueira pola Unión Europea.