O BNG chama a parar as políticas da dereita económica.
Convida aos e as redondeláns a participar na manifestación do 1º de maio dende A Doblada.
Como todos os anos a Asemblea Local do BNG de Redondela, vai participar en masa na manifestación do 1º de maio convocada pola Confederación Intersindical Galega. A mobilización sairá dende A Doblada ás 11.30 da mañá.
A organización nacionalista participará nas mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega en toda Galiza, baixo o lema Contra a explotación e a pobreza. Para o responsábel local de Redondela, Xavier Balsas, atopámonos nunha situación de emerxencia social, cunha dereita económica e política que pretende asfixiar á clase traballadora.
A dereita, encabezada polos poderes económicos, de carácter especulativo, e polo Partido Popular, iniciou unha senda de perda de dereitos laborais e sociais das clases máis desfavorecidas, afirma Balsas. Mantéñense os índices de paro; a xente nova vese na necesidade de emigrar; as condicións laborais son cada vez máis precarias; privatización de servizos sociais básicos; e un longo sen fin. destaca o responsábel local.
Contra estas políticas neoliberais, instauradas polos oligopolios económicos, transmitidos pola Troika e o Banco Central Europeo, personificadas en Ángela Merkel, Mariano Rajoy e Núñez Feijóo, unha forza nacionalista e de esquerdas como o BNG, enfróntase a esta estratexia. Cómpre unha resposta masiva e continuada dos traballadores e traballadoras, contra estas políticas da Unión Europea e dos gobernos do Partido Popular. Debemos participar nas manifestacións do 1º de maio, non xa para pedir dereitos, senón para que non se deteriore aínda máis a situación deste País, afirma.
O goberno de Javier Bas, paradigma desta involución.
Xavier Balsas amosa a súa convicción de que o goberno de Javier Bas aplica todas e cada unha das directrices emanadas polos gobernos do PP por convicción ideolóxica, non por imperativo como pretenden facer crer.
Constátase nos últimos meses como Redondela tamén comparte a mesma situación que o resto do País. Neste escenario, o goberno de Bas pretende sacar tallada. Oferta unha situación de precariedade para presentar cursos de formación que carecen de calquera tipo de estudio de saída; desconfían dos traballadores/as do concello; priman ás empresas privadas.
Para o responsábel local do BNG o capítulo máis grave tense sucedido nas últimas semanas, en relación á contratación de persoal do concello. Primeiro negocian coa Deputación para que por medio dunha subvención se contrate a un grupo de persoas, con disposición absoluta, por un soldo de 532 brutos. Despois sacan a concurso, unhas prazas en condicións similares que van percibir algo máis dos 700. Por vez primeira o goberno municipal de Redondela, contrata en condicións inferiores ao mercado laboral.
Recorda a necesidade de non quedarse cos brazos cruzados e resignarse pois son dos recursos que emprega a dereita para impoñer a súa estratexia. Para Xavier Balsas, responsábel local do BNG de Redondela, cómpre unha demostración de forza para deter as intencións da dereita económica e política.