Moción para demandar un Plan de Emprego Feminino
A situación de desigualdade que viven as mulleres galegas viuse acentuada co aumento da precariedade laboral desde comezos da crise, sen a implantación de políticas efectivas que puidesen frear o crecemento da fenda que sitúa as mulleres á marxe e que lles deixa cada vez máis as portas abertas ao desemprego, ao emprego precario ou á emigración. Diferentes estudos e informes recollen datos sobre o desemprego e as lamentábes condicións dos traballos que desempeñan as mulleres na Galiza a día de hoxe, así como o elevadísimo número, sobre todo de mozas, que se viron obrigadas a abandonaren o noso país na procura dun futuro mellor. Falan os datos de diferentes estudos, entre eles os publicados polo IGE, e reflicten que a situación das mulleres no noso país vén empeorando de forma alarmante nos últimos anos.
A pesar de escoitarmos insistentemente o discurso da igualdade conseguida, a realidade reflicte que a fenda salarial continúa ampliándose e as mulleres son as principais afectadas cando nos referimos ás persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social. Asemade, o desigual reparto de responsabilidades á hora de asumir o traballo non remunerado supón que a maternidade sexa un factor de penalización sobre o emprego das mulleres. As chamadas políticas de austeridade frearon a posta en marcha de políticas de igualdade, tanto a nivel lexislativo como de realización de programas concretos. Así, algúns instrumentos con medidas antidiscriminatorias, como a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galiza, está paralizada. Nesta lei manifestábase o compromiso da Xunta de Galiza para integrar a dimensión de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, cumprindo co seguimento das políticas e accións sobre as que existen competencias en relación ao acceso ao emprego, desenvolvendo políticas de integración e apostando pola igualdade no ámbito laboral. Algunha das medidas máis necesarias neste momento incluídas nesta lei, como é a posta en marcha de medidas que melloren o emprego feminino, continúa a agardar pola súa implementación.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Redondela a adopción do seguinte
ACORDO
- Instar ao goberno da Xunta de Galiza a cumprir, nun prazo máximo de dous meses, coa promesa de aprobar un Plan de Emprego Feminino, co orzamento necesario para se desenvolver ao longo dos próximos catro anos. Este plan terá por obxectivo estabelecer medidas destinadas a incrementar a taxa de emprego feminino, promover a contratación de mulleres nos sectores en que está subrepresentada, reducir o alto grao de precariedade das traballadoras na Galiza, atallar as problemáticas específicas das mulleres nos ámbitos produtivos -labregas, mariscadoras, redeiras,..- atendendo especificamente a problemática das mozas galegas para accederen ao emprego.
REDONDELA 18 DE FEBREIRO DE 2015
ASDO: CECILIA PÉREZ ORGE