O BNG rexeita a inclusión dunha exposición sobre o exército na Programación Cultural.

Exposición sobre o exército.
O BNG rexeita a inclusión dunha exposición sobre o exército na Programación Cultural.

O responsábel local da organización nacionalista, Xavier Balsas, considera que “constitúe toda unha novidade que se empreguen espazos adicados ao fomento da cultura para darlle publicidade ao exército español”.

Dende o 26 de febreiro ata o 10 de marzo, está programada unha exposición do exército do aire no Multiusos de A Xunqueira. Esta exposición está enmarcada dentro da Programación de Cultura de inverno do Concello. Dende o BNG cuestionan que “realmente se trate de cultura, e non de propaganda a favor dunha entidade de carácter militar”, afirma o responsábel local, Xavier Balsas.

“O BNG, defínese como unha organización antimilitarista e pacifista, que defende que os exércitos non teñen cabida nunha sociedade plural, democrática, na que as vías de diálogo deben ser as bases de resolución de calquera conflito. Por este motivo, cuestionamos que se considere cultura unha exposición sobre unha institución que postula o uso do armamento como o seu fin”.

Segundo Balsas, “trátase dunha situación sen precedentes o feito de que se lle dea publicidade ao exército, cando a Programación Cultural do Concello debe estar para fomentar e difundir a cultura”. Considera que “hai moitas actividades culturais en que centrar os esforzos do Concello antes de facer proselitismo en favor dunha institución arcaica e reaccionaria que absorbe cantidades indecentes dos orzamentos do Estado”.

“Instamos ao concelleiro de Cultura, Julio Alonso, a non poñer en marcha esta actividade de propaganda do exército español. En caso contrario, quedaría en evidencia a súa capacidade para fomentar a cultura en Redondela”, remata na súa nota, Xavier Balsas.

 

Conferencia sobre o exército.

Exposición sobre o exército.

 

O BNG rexeita a inclusión dunha exposición sobre o exército na Programación Cultural.