Moción do Bloque Nacionalista Galego para actuación integral en Os Eidos.

Moción do Bloque Nacionalista Galego para actuación integral en Os Eidos.

No pasado mes de agosto o Grupo Municipal do BNG dirixiuse ao alcalde de Redondela, solicitando unha Actuación Integral en Os Eidos, no casco urbano da Vila. Dende aquela, o silencio foi a única resposta respecto as demandas que se recollían no escrito.

Este entorno converteuse nos últimos anos nunha área de expansión do casco urbano de Redondela. Construíronse varios bloques de edificios, que sumados aos xa existentes, consolidaron unha zoa en constante expansión; chegada de numerosas familias; aumento na intensidade do tráfico. En poucos anos, de ser un entorno  semirural, converteuse nun espazo urbano.

A construción da estación ferroviaria para a futura liña de alta velocidade do Eixo Atlántico, viu acrecentada as expectativas dos e das residentes. Mais dende o BNG consideramos que esta infraestrutura non pode converterse no único polo atractivo de Os Eidos.

A chegada dun número importante de familias composta, nunha porcentaxe moi elevada por parellas novas, con cativos e cativas, trouxo implícitas unha serie de demandas de carácter social: zoas de lecer e esparcemento, gañar espazo para os peóns e puntos de encontro entre veciños e veciñas, maior atención dos servizos de limpeza, regulación do tráfico rodado, ...

Para dar resposta a unha potencial demanda de poboación infantil, ubicáronse en poucos metros ata 3 ludotecas e escolas infantís. Isto supón que o movemento de persoas ao longo de todo o día, sexa moi relevante.

Hoxe en día, a situación do barrio caracterízase polo abandono dende o Concello ao carecer de actuacións que o dinamicen. Un dos espazos que potencialmente debería exercer de pulo e dinamizador do centro de Redondela, está abocado a exercer de zoa de paso para a estación do AVE e converterse en barrio dormitorio.

Outro dos aspectos que dende o BNG observamos con preocupación, refírese á propia estética do entorno. A actual conxuntura económica ralentiza a venda de vivenda, e polo tanto o sector da construción. Numerosos edificios de Os Eidos están nos cimentos ou a medio rematar.

Cómpre pois que dende o goberno municipal de Redondela, se desenvolva unha Actuación Integral de cara a dinamizar as interelacións humanas, e a mellora da calidade de vida no entorno de Os Eidos..

Por todo isto é polo que o Grupo Municipal do BNG, propón ao Pleno da Corporación de Redondela, a aprobación dos seguintes ACORDOS:

1. Instar ao goberno municipal

- Á construción dunha zoa de esparcemento e lecer en Os Eidos, no espazo verde situado entre edificios.

- A unha  mellora da seguridade viaria: asfaltado, construción de pasos de peóns sobre lombos,   regulación do tráfico.

- A  asegurar unha maior presenza dos servizos de limpeza municipais, xunto ao aumento do número de papeleiras.

2. Instar ao alcalde do concello de Redondela para que inicie conversas cos propietari@s de solares para: desmontaxe de grúas, valado perimetral e limpeza de refugallo dos solares.

3.-Instar ao alcalde do concello de Redondela  para que inicie conversas cos propietari@s de edificios inacabados, e co fin de acadar “certa armonía estética”, requiríndolles o pintado ou adecuación de fachadas de baixos e edificios sen rematar.

Redondela 21 de novembro de 2014.

Asdo. Cecilia Pérez Orxe.

10371896_656682427734136_4707414981257030143_n

 

Moción do Bloque Nacionalista Galego para actuación integral en Os Eidos.