Moción do BNG de Redondela para a paralización da venda de Novagalicia Banco.

Moción do BNG de Redondela para a paralización da venda de Novagalicia Banco.

A importancia estratéxica para a Galiza da permanencia de Novagalicia Banco como Banco Galego Independente non se pode poñer en dúbida ao se tratar dunha ferramenta fundamental para a subsistencia na Galiza do aforro dos galegos e das galegas, a fin de que sexa destinado prioritariamente a fornecer de crédito para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos da economía do país .

Esta permanencia está ameazada polo anuncio do FROB de vender a entidade antes de rematar o ano a través dunha poxa, unha ameaza que afecta a Galiza mentres o goberno do Estado español respecta a permanencia de Bankia, entidade que se negan a vender por considerala unha entidade sistémica para España.

Mais para a Galiza, Novagalicia Banco, tamén é sistémica por centralizar o aforro de miles de galegos e galegas, constituír un patrimonio económico fundamental para o desenvolvemento da nosa economía como pobo,  prestar servizos na práctica totalidade dos concellos galegos e posuír un patrimonio cultural e de infraestruturas de vital importancia para Galiza.

A anunciada venda significaría un negocio ruinoso para as persoas contribuíntes, pois despois de destinaren máis de 9.000 millóns de euros de recursos públicos para o seu saneamento, a venda en réxime de poxa só permitiría recuperar unha parte moi pequena do diñeiro público investido.

A todo isto hai que sumar a eliminación de oficinas bancarias que afectaría gravemente aos núcleos que se atopan fóra das grandes poboacións e que acotío sofren a redución de servizos de que gozaban  por viviren en vilas e aldeas do rural, privados de servizos e incrementando a súa dependencia con custosos desprazamentos e perdas de tempo a outros núcleos urbanos, vilas ou cidades, resultando o acicate definitivo para abandonar o rural ao quedar desprovistos dun servizo recibido desde hai moito tempo.

Do mesmo xeito, de producirse unha venda a entidades estatais, como se aposta dende o FROB, a desaparición de empregos e vinculación territorial sería total, o que suporía un enorme número de despedimentos, xunto cunha desvinculación total das necesidades económicas galegas.

 

Por todo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal de Redondela a adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a

1. Demandar do FROB que paralice a decisión de vender Novagalicia Banco por ser unha entidade financeira sistémica para Galiza.

2.   Demandar do Congreso dos Diputados aprobar as reformas legais necesarias para que             sexan consideradas sistémicas tamén as entidades financeiras con presenza significativa en ámbitos territoriais determinados, como o caso de NCG Banco, a fin de que se manteñan como entidades independentes cara o futuro e con capacidade de decisión propia.

3. Oporse ante o Goberno do Estado a calquera  tentativa de venda a outra entidade que     supoña a perda do seu vencello territorial con Galiza.

4. Exercer as potestades que ostenta sobre Novagalicia Banco para que as persoas adquirintes de participacións preferentes poidan recuperar inmediata e integramente a totalidade dos seus aforros.

5. Defender a permanencia de Novagalicia Banco como entidade financeira galega independente, estudando a alternativa da súa transformación nun Banco Público Galego.

 

REDONDELA 21 DE NOVEMBRO DE 2013

 

ASDO: CECILIA PÉREZ ORGE

 1014015_575878795795087_534293119_n

Moción do BNG de Redondela para a paralización da venda de Novagalicia Banco.