MOCIÓN PARA IMPEDIR A PERDA DO PODER ADQUISITIVO DAS EMPREGADAS E EMPREGADOS PÚBLICOS AFECTADOS POLO
As decisións adoptadas polo Goberno central en materia de política económica están a provocar un agravamento da crise económica. A obsesión por dar unha prioridade absoluta á contención do gasto público, seguindo sen matices os ditados emanados polo FMI, o BCE ou a UE, cada vez máis pregados aos intereses do capital financeiro transnacional, ocasionan tanto unha continua perda de empregos como un empeoramento das condicións de vida das persoas que manteñen o seu emprego.
Até o de agora, o programa de reformas executado polo PP só deu como resultados máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica, e un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. Ningún sector económico é alleo nestes momentos á crise, porén tampouco se están a elaborar estratexias para reactivar o pulso económico nos mesmos.
A única política definida é a de aplicar continuos recortes en dereitos económicos e sociais conquistados en favor das maiorías sociais. Esa teima amosa como este Goberno está a empregar a crise máis como un pretexto para avanzar no modelo de sociedade cada vez máis desigual que abandeira a doutrina neoliberal, cunha maior desprotección para as persoas máis desfavorecidas, e ao tempo cun reforzamento de privilexios para minoritarias elites sociais. O propio Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU vén de afirmar, respecto do Estado español, que as medidas de austeridade están prexudicando de forma desproporcionada os grupos desfavorecidos, asegurando ademais que os axustes están a destruír o estado do benestar e provocando un aumento considerábel do número de persoas en risco de pobreza.
O último episodio desta errática política económica constitúeo o Real Decreto-Lei 20/2011, do 13 de xullo, que contén medidas destinadas á minoración retributiva e de dereitos laborais para as empregadas e os empregados públicos, á redución das prestacións por desemprego, á diminución do financiamento do sistema de axuda á dependencia, á liberalización comercial que provocará perdas ao comercio tradicional fronte ás grandes superficies comerciais. Todo iso completado cunha suba fiscal (o IVE) na imposición asociada ao consumo de xeito que se reparten linealmente as cargas contributivas no canto de acometer unha reforma fiscal progresiva sobre as grandes fortunas e patrimonios e as rendas máis altas.
A aprobación de dita norma realizouse dun xeito impropio á relevancia do seu contido. Apenas unhas semanas após de terse publicado os orzamentos xerais do Estado, e cando a maior parte das administracións públicas xa afrontan os obxectivos e a planificación do exercicio seguinte, o presidente do Goberno do Estado anunciou as medidas, sen diálogo nin consenso previo, que son aprobadas só dous días despois, sen que tampouco as persoas, entidades representativas e mesmo administracións implicadas na súa execución poidan participar en dito proceso.
Unha auténtica imposición, que no caso dos concellos socava a autonomía local, ao pretender facelos partícipes de medidas inxustas, das que moitas corporacións locais discrepan
politicamente, polo que supoñen un novo ataque aos dereitos consolidados de persoas traballadoras, ademais da súa inutilidade, como xa se ten demostrado.
A nova redución retributiva ás empregadas e aos empregados públicos que se plasma no Real Decreto-Lei 20/2011 imponse dun xeito unilateral, malia que esa medida xa se ten ensaiado noutros momentos dentro de actuacións económicas contra a crise, e como resultado deu precisamente o contrario do que se perseguía. Nada indica na práctica que a redución salarial sobre as persoas traballadoras, entre elas as persoas que desenvolven o seu traballo no sector público, sexa unha medida que contribúe á reactivación económica, ao contrario, aínda resta capacidade adquisitiva á maior parte da poboación co que se resente o consumo e a actividade económica.
No caso concreto do noso concello, estamos seguros de que eliminar a paga extra ás empregadas e aos empregados da administración municipal é unha medida profundamente inxusta e equivocada. Tamén no ámbito local, agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, en xeral ao tecido económico de Redondela.
Por iso, ante o escenario deseñado polo Goberno do Estado, inútil e errático á hora de recuperar e impulsar a economía como todos os indicadores económicos demostran, ineficaz para asegurar financiamento público e privado dadas as persistentes restricións no crédito, e pertinaz en aplicar reformas cuxo único e real obxectivo consiste en recortar dereitos económicos e sociais das maiorías sociais, é preciso adoptar un posicionamento político unívoco por parte desta Corporación Municipal en contra desa política, alén de articular as medidas que sexan necesarias para evitar a perda de poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos.
Por iso, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Redondela a adopción do seguinte
ACORDO
1. Manifestar o rexeitamento da Corporación municipal ás medidas reguladas polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo.
2. Rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados aos concellos, novas perdas de poder adquisitivo, que terán un efecto indirecto sobre o consumo no concello e no tecido económico local.
3. Compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.