Unha nova mostra da incompetencia de Arturo González

Unha nova mostra da incompetencia de Arturo González

Para o Bloque Nacionalista Galego, a retirada da orde do día do planeamento no Canabal, é unha nova mostra da incompetencia de Arturo González.

Da man do concelleiro de urbanismo, o goberno municipal convocou un Pleno Extraordinario para tratar como principal punto na orde do día, a modificación das normas subsidiarias para a construción dun área comercial. O feito de ter que retiralo no inicio do mesmo, constitúe un novo fracaso na xestión de Arturo González.Para o BNG, “trátase dun concelleiro que a cada paso que dá amosa máis a súa incapacidade na xestión política”. En máis de dous anos dende que asumiu áreas como as de Interior, Urbanismo ou Tráfico, non foi quen de sacar un só asunto exitosamente.

Redondela carece do afamado Plano de Tráfico, tal e como prometera;  foi incapaz de solucionar o problema do GRUMIR;  xerou falsas expectativas en canto ao Plan Xeral, no que non mostrou ningún interese en poñer en marcha; foi incapaz de crear un servizo de prevención e extinción de incendios no verán; ... Nas pasadas semanas amosou a súa incapacidade para actuar en política, fomentando o malestar entre a hostalaría local coa aplicación da ordenanza das terrazas…

 

Poñer en risco o pequeno comercio.

A intención de Arturo González coa modificación das Normas Subsidiarias en O Salgueiral, obedecen unicamente a intereses especulativos. No caso de que na actualidade se lle dera o visto e prace a este asunto, suporía a “estocada” definitiva ao comercio local.

Un sector, o do comercio de proximidade, xa moi castigado pola crise económica, ten que sufrir unha normativa autonómica que promociona ás grandes superficies, e que ten que competir coa proximidade da cidade de Vigo.

A posta en marcha dunha grande superficie, neste momentos, segundo o BNG suporía poñer en grave risco o futuro de numerosos comercios en todo o concello de Redondela. Para a organización nacionalista resulta contraditorio que se vaia a arranxar a Praza de Abastos, ou que o Centro Comercial Aberto de Redondela reciba 38.000 euros, e por outra, se promocionen áreas comerciais deste tipo.

“Arturo González está a defender os intereses duns poucos en detrimento de moitos”.

Para o Bloque Nacionalista Galego este concelleiro está incapacitado para seguir desenvolvendo a súa actividade no concello.

Unha nova mostra da incompetencia de Arturo González