O Partido Popular, castiga ao colexio Santa Mariña.
De tod@s é xa coñecido a falla de compromiso do Partido Popular co ensino público tanto a nivel local como nacional. Recordemos que unha das primeiras medidas tomadas polo goberno de Feijóo en Redondela, foi pechar o CEIP de Trasmañó. Aos poucos, minguaron os orzamentos no ensino público para traspasalos ao privado, co que se foi reducindo a dotación para o profesorado, a falla de atención en programas educativos, a eliminación na gratuidade dos libros de texto, etc.
Unha das ANPAs que se ten amosado máis comprometida coa calidade do ensino en Redondela é a do CEP Santa Mariña. Dous foron os eixos nos que se centrou o seu traballo: a dotación dun comedor escolar e a construción do patio cuberto.
Javier Bas, cando era candidato, enchía peito proclamando que o concello tiña cartos de sobra para construír o patio. Nesta carreira electoralista tamén entrou o PSOE, que afirmaba que a institución municipal debería aportar a maior parte do gasto. Pese a ser época de promesas o BNG, mantívose na exixencia de que era unha obra que debería levar a cabo a Consellaría.
Hoxe en día o panorama está como está. Ninguén moveu ficha para tentar solucionar a problemática que afecta a un importante número de alumn@s cando chove, polo que moitos días quedan sen recreo, ou sen actividade de educación física. As declaracións destes días do delegado provincial a respecto deste tema , son cando menos impresentábeis.
Outro dos obxectivos ten a ver coa dotación de comedor no colexio. De éxito sen precedentes pode cualificarse a posta en marcha deste importante servizo de carácter educativo e de conciliación da vida familiar e laboral.
Foi a perseveranza das directivas das ANPAs de EEI A Marisma, e do CEP Santa Mariña, quen levaron o peso de todo o proceso.
Como sempre o goberno Bas, prometendo, incumprindo ou poñendo paus nas rodas.
Inicialmente comprometeuse a dotar dun local na Casa do Mar, para o comedor, mais ían pasando os meses, e non se concretaba nada. As ANPAs, emprazaron á oposición a que tomara cartas no asunto. Finalmente adaptaron un local municipal. As ANPAs, co obxectivo da posta en marcha do comedor para o curso 2013-14, viuse forzada a asinar un convenio nunhas condicións moi duras.
Todos estes exemplos serven para verificar como o goberno municipal castiga á ANPA de Santa Mariña, pois como o propio alcalde Javier Bas ten afirmado trátase dunha ANPA moi politizada. Mais os logros das diferentes ANPAs, e equipos directivos, veñen por un compromiso e preocupación das familias e profesorado para evitar o desmantelamento do ensino público.
Para que esta liña exitosa se manteña, o BNG vai estar ao seu carón traballando por un obxectivo común: a defensa do ensino público, gratuito, laico, em galego e de calidade.