O BNG de Redondela presenta unha moción contra a impunidade da marea negra do Prestige.

O BNG de Redondela presenta unha moción contra a impunidade da marea negra do Prestige.

Moción contra a impunidade da marea negra do “Prestige” e a prol da transferencia de competencias marítimas á Xunta de Galiza.

O sinistro do buque petroleiro ‘Prestige’ nas costas da Galiza o 13 de novembro de 2002 mostrou daquela o problema da seguranza do tráfico marítimo que circula polo corredor de Fisterra e ameaza as costas galegas, e, desgrazamente hoxe, coa sentenza ditada polo xulgado a total impunidade dos autores da marea negra e dos responsábeis políticos no goberno do PP no Estado e os seus cómplices na Xunta.

 

A pesar de o litoral de Galiza ser o máis afectado do mundo pola contaminación derivada de accidentes marítimos destas características, pois nos últimos 43 anos houbo catro buques que provocaron importantes vertidos de hidrocarburos ao mar (Polycommander, Urquiola, Aegean Sea, Prestige), aos que se lle deben sumar outros sinistros en que tamén houbo unha importante contaminación mariña polo vertidos de produtos altamente contaminantes (Erkowitz, Cason), son as autoridades xudiciais as que permiten, despois de 11 anos, a pervivencia desta situación de risco e a impunidade manifesta dos responsábeis.

 

A senteza do ‘Prestige’ permite que o Estado continúe controlando os dispositivos de transporte de mercadorías perigosas por mar nas costas galegas, impedindo que Galiza poida facelo en porto e en tránsito, e tamén que os medios de salvamento e prevención de catástrofes ambientais despregados nas nosas costas non sexan suficientes e adecuados para encarar situacións de risco ou combater a ameaza da contaminación.

 

Así hoxe, con esta sentenza, non só se premia o feito da marea negra senón que os seus responsábeis quedan impunes, e ademais vale para apoiar a falta de vontade para transferir as competencias en tráfico marítimo e prevención de accidentes no mar á Xunta de Galiza, animando a actitude compracente dos gobernos español e  galego do PP, que non actúan nas instancias que ocupan para protexer os intereses dos galegos e galegas vinculadas directamente á actividade pesqueira no mar e que constitúe unha fonte de riqueza de moitas comarcas costeiras de Galiza.

Por todo iso, solicítase do Pleno da Corporación Municipal de Redondela a adopción do seguinte

 ACORDO

1. Lamentar a sentenza ditada pola marea negra provocada polo Prestige que permite a impunidade dos seus responsábeis, tanto políticos como materiais.

2. Instar á Xunta de Galiza a que demande do estado español a transferencia das competencias para o control e inspección dos barcos que recalan nos portos galegos e dos que transitan polo dispositivo de separación de Fisterra, para poder aplicar unha política preventiva no transporte marítimo de mercadorías perigosas, ademais da competencia inherente ao salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña nas costas de Galiza.

1424364_577291632320470_1168814623_n

O BNG de Redondela presenta unha moción contra a impunidade da marea negra do Prestige.