O Pleno de Marzo, unha oportunidade perdida!

O Pleno de Marzo, unha oportunidade perdida!

Aprobáronse as ordenanzas das Terrazas e a dos Furanchos.

O equipo de goberno, xa nos ten acostumados a agocharse no papel que desenvolven os demais grupos da Corporación, ante decisións que pode considerar “perigosas” para os seus intereses. O caso da aprobación definitiva das ordenanza de terrazas e a dos furanchos, constata unha vez máis esta idea.

En canto á primeira delas, a que regula a instalación de elementos que complementan a actividade hostaleira, cómpre recordar algúns aspectos relevantes.

Tal e como argumentou no seu momento o BNG, o equipo de goberno vai a remolque dunha demanda de carácter social. Foi dende a Federación de Veciñ@s, dende onde se empezou a demandar un ordeamento e control do uso destes elementos. A organización nacionalista compartiu esta demanda: manter un equilibrio entre o lexítimo dereito dos hostaleir@s a complementar a súa actividade, coa do uso público para disfrute dos veciños e veciñas.

Ante esta insistencia, non que lle quedou máis remedio ao equipo de Javier Bas, que poñerse a traballar no tema.

O BNG, rexeitou apoiar o texto presentado, pois a actitude do goberno, e especialmente do concelleiro de interior, foi saltarse as encomendas da Comisión. Nunca houbo vontade de chegar a un acordo sensato.

Durante este tempo, evidenciouse que por moi boa que pretenda ser a ordenanza, o máis importante, vai ser a vontade do equipo de goberno de levar un control axeitado. Compételle a eles non só regular, senón tamén facela cumprir.

 

Alegacións presentadas.                                                            

Neste mesmo Pleno de marzo, debatéronse catro alegacións presentadas por particulares e colectivos. Para o grupo municipal do BNG, era unha boa oportunidade para ver mellorado o texto.

Máis unha vez o equipo de Javier Bas escudouse nos informes da secretaria, para rexeitar as alegacións, que por exemplo si o BNG apoiou. A consideración dalgunha das infraccións leves en graves, ou que se eliminaran situacións de excepcionalidade, foron consideradas como apartacións útiles polos concelleiros desta organización.

 

Ordenanza dos furanchos.

En canto á ordenanza dos furanchos, vólvese repetir a deixadez por parte do goberno de Javier Bas. O decreto que os regula está datado en outubro. A temporada de apertura dos  furanchos, iniciouse o 1 de decembro. Co período de exposición pública dun mes, como mínimo a ordenanza, non entrará en funcionamento ata maio. No caso de que haxa alegacións, retrasarase un mes máis. En todo caso, a ordenanza chega moi tarde, cando noutros concellos xa se ten aprobado.

Xa dende o bipartito da Xunta, o BNG dera pasos decisivos para regular unha actividade de carácter tradicional en Redondela, pero que se “iba das mans”. Cumpría abordar con decisión o regulamento dunha actividade que en moitas ocasións pouco ou nada tiña que ver coa súa orixinal concepción.

Agora concrétase a “regulación” destes establecementos na ordenanza. Como na das terrazas o máis preocupante para o Bloque Nacionalista Galego, vai ser o seu control. Tendo en conta que o concelleiro, Arturo González, vaise responsabilizar desta tarefa, moitas dúbidas quedan no aire.

O Pleno de Marzo, unha oportunidade perdida!