O PP de Redondela utiliza as administracións en beneficio propio.
O Concello dispoñía dos informes negados á dirección e familias do centro escolar.
O acordo da moción presentada polo Grupo Municipal do BNG, no Pleno de novembro recollía: Que o concello de Redondela esixa do novo goberno da Xunta de Galiza que nos vindeiro Orzamentos do ano 2013, se recolla unha partida específica para o cambio de cuberta do CEIP Quintela- Redondela.
Máis de ano e medio despois de que un temporal levantara parte do tellado, aínda non se ten acometido unha profunda reforma desta parte do edificio escolar. O máis vergoñento, tanto para a comunidade educativa como para o BNG, constitúeo a actitude da Xefatura Territorial, nomeadamente do xefe territorial, César Pérez Ares. Durante todos estes meses, pasouse de prometer un arranxo inmediato da estrutura do tellado, en canto o tempo e os orzamentos o permitisen, a asegurar que non era necesaria tal obra.
Convivencia da concelleira.
Dende que sucedeu este grave incidente, a dirección do centro expresoulle en varias ocasións á inspección e cargos da consellaría a preocupación tanto das familias como do profesorado, sen obter unha resposta concreta.
Pola súa banda o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, no Consello Escolar Municipal de xuño deste ano, fixo varias preguntas a respeito da situación da obra. Naquel Consello facilitouse información de que a obra ía a ser acometida pola Consellaría. Teresa París, concelleira de ensino, inchou peito, afirmando que había unha serie de obras que se estaban a realizar nos centros públicos dende as diferentes administracións, e que a de Quintela, ía a ser unha das máis importantes.
Xa a piques de finalizar o primeiro trimestre, e ante o desinterese da Xefatura Territorial, as familias volveron a expresar a súa preocupación pola situación do tellado do colexio.
Tal e como denunciou o concelleiro do BNG, a Consellaría limitouse a respostarlle á comunidade educativa, na propia páxina web existencia de informes que contemplaban dita obra innecesaria.
Uso partidista da administración.
Durante o debate no Pleno, Xoán Carlos González, afirmou sobre a renovación da cuberta do colexio de Quintela de que se trata da necesidade máis acuciante, dende o punto de vista estrutural, de todos os centros educativos do concello de Redondela.
O debate chegou á súa situación máis esperpéntica cando a concelleira Teresa París, afirmou que manexaban o informe da Consellaría. Na réplica,o concelleiro do BNG, denunciou o uso partidista que das institucións e diferentes administracións fai o Partido Popular. A xefatura territorial facilita uns informes á concelleira do mesmo partido, namentres que llo nega á dirección do centro e ás familias.
Insistíu na súa intervención, que o grupo municipal da organización nacionalista non se fiaba de ditos informes, ademais de asegurar que se o vento levantou o tellado unha vez, podería volver a facelo en calquera outra ocasión. Continuarán esixindo que a renovación do tellado do CEIP de Quintela sexa reformado por completo.