Preocupación no BNG pola situación de Protección Civil de Redondela

IMG-20210722-WA0020
Instalacións de Protección Civil en Redondela

Xoán Carlos González considera que “deben acometerse obras co fin de mellorar as condicións da base na que se sitúa este servizo”.

Preocupación no BNG pola situación de Protección Civil de Redondela

Nas pasadas semanas o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, mantivo un encontro coa directiva da agrupación local de Protección Civil. Un servizo, ao que están adscritos cincuenta voluntarios e voluntarias, que conta cunha base en Vilavella, a carón da N-552.

“Neste encontro puidemos coñecer de primeira man como se atopa o servizo, e a situación das instalacións de Protección Civil”, apunta o voceiro nacionalista. Ao longo da xuntanza por parte de representantes da Agrupación Local, púxose enriba da mesa a necesidade de mellorar na coordinación dos distintos servizos de Emerxencias que actúan no Concello de Redondela.

“En Protección Civil, actúan voluntarios e voluntarias, que ademais de exercer a súa actividade profesional ou de estudios, deciden compartir parte do seu tempo, en realizar actividades de apoio a situacións potencialmente de risco, cuestión que dende o BNG queremos pór en valor”, salienta o edil nacionalista. Indica que en todo momento, se lles transmitiu que o persoal síntese cómodo coa súa actividade, máis que “en ocasións senten a súa actividade minusvalorada polo goberno, por non tratarse de persoal laboral ou funcionario”.

Durante a pandemia, o servizo foi un dos que colaborou e participou, segundo as instrucións que se lle transmitían dende o goberno. Ademais, continuaron desenvolvendo un labor fundamental, en aglomeracións de xente, como no caso da celebración da feira.

“Puidemos comprobar como existe unha importante carencia tanto en equipos, como en mantemento do edificio. “Pretendemos que esta situación se resolva polo goberno de Digna Rivas”, apunta. Entre as deficiencias sinala vestiarios pequenos, e incómodos, onde non se garante a privacidade; falta dun pequeno ximnasio de mantemento; illamento térmico do edificio; equipamentos individuais avellentado ou moi deteriorado”.

Apunta Xoán Carlos González, que trasladaron hai varias semanas por escrito ao goberno municipal, a necesidade de abordar unha reforma do edificio. “Nos encontros que estamos a manter con AER e PSOE, sobre os orzamentos, demandamos a necesidade de introducir unha partida relevante para realizar estas obras”, sinala o edil nacionalista.

Agarda que cos que serán os primeiros orzamentos do bipartito de Redondela, se sexa sensíbel a esta demanda, e se poidan realizar as obras de mellora da base de Protección Civil de Redondela, remata na súa nota.

Preocupación no BNG pola situación de Protección Civil de Redondela