Apoio do BNG á concentración en Cabanas, para a “supresión total” da Peaxe de Rande.

IMG-20210717-WA0001
Néstor Rego xunto á peaxe de Rande.

A organización nacionalista chama a colectivos e particulares, a sumarse á convocatoria das Asociacións de Veciños de Teis e Chapela.

Apoio do BNG á concentración en Cabanas, para a “supresión total” da Peaxe de Rande.

Para o xoves 29, ás 20h está convocada unha concentración na rotonda de acceso á Peaxe de Rande, polas A.VV. De Teis e Chapela, para forzar a eliminación total e real desta taxa. O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, anima a todos os veciños e veciñas de Redondela, colectivos, asociacións “a sumarse a esta concentración para  reclamar que se elimine este pago inxusto”.

Segundo o edil nacionalista, “as rebaixas e bonificacións anunciadas, nacen do acordo polo que o BNG apoiou a investidura de Pedro Sánchez”. No seu momento, o deputado Néstor Rego, deu conta do mesmo nunha Asemblea Aberta en Chapela.

Mais para a organización nacionalista, non se está a cumprir ao cen por cen co asinado, pois as bonificacións aprobadas polo Consello de Ministros, cínguense á segunda viaxe, nas vinte catro horas seguintes, para o que hai que dispor do dispositivo de telepeaxe. “Agora quen vai lucrarse, son os bancos que cobran unha taxa por uso do dispositivo”, sinala Xoán Carlos González.

“Asistimos a un novo desprezo do goberno de PSOE-Podemos á bisbarra de Redondela, onde manter a Peaxe nestas condicións, seguirá lastrando a mobilidade entre concellos, e mantén sometida a Chapela, a unha alta densidade de tráfico polas estradas nacionais”, apunta o edil do BNG. Critica igualmente a foto que se realizou Digna Rivas, con outros alcaldes do PSOE, no acceso á Peaxe de Rande, “pois non hai nada que celebrar, e o que teñen que facer é presionar de verdade para o levantamento total das barreiras”.

Finalmente anima ao conxunto do corpo social redondelá, a concentrarse apoiando ás A.VV. De Veciños de Teis e Chapela, para acadar entre todos a supresión real da Peaxe de Rande.

Apoio do BNG á concentración en Cabanas, para a “supresión total” da Peaxe de Rande.