Acto de Recoñecemento ás “Mulleres de San Simón”.
No texto plantexábase que se realizaran diversas actividades de recuperación da Memoria Histórica local, e posta en valor do seu valor humanitario.
As Mulleres de San Simón, teceron unha rede de apoio aos presos do franquismo, que ata 6.000 chegaron a pasar polo Cárcere da Illa de San Simón, á que se uniría o vapor, Upo Mendi, con presos asturianos, cántabros e vascos. Remendar e limpar as roupas, preparar pequenos alimentos, transmitir mensaxes das familias, exercer de correos, expoñendo en tempos de represión, a súa propia seguridade. Mulleres, mozas e cativas, coa colaboración dalgúns homes, crearon e consolidaron un dos episodios máis nobres da historia local redondelá.
No ano 2018, o BNG, ante a inacción do goberno do PP, decidiu realizar unha emotiva homenaxe dende o Peirao da Portela, como un dos puntos de abastecemento destes presos.
Xa co novo goberno bipartito, chegouse ao acordo de adicar o ano 2020, como Ano das Mulleres de San Simón. A pandemia obrigou a adiar os actos de recoñecemento. Finalmente ao longo do 2021 estase realizando unha extensa axenda de actuacións como “recoñecemento colectivo, e tributo a aquelas mulleres que compartiron o pouco do que dispoñían, para mitigar o sufrimento dos represaliados do fascismo”.
O pasado 17 de xullo, en San Simón, un novo episodio, no que a intervención da compañeira Cecilia Pérez, salientou o espírito de valentía que demostraron este grupo de mulleres en tempo de represión, de medo e de fame.
Apelou, Cecilia Pérez, ao compromiso e solidariedade como eixo que moveu a estas mulleres a actuar, sen un plan previo, para mitigar o sufrimento dos presos que defenderon a legalidade republicana.
Grazas a estas iniciativas, moitas familias de Redondela, recuperan, poñen en valor, e tributan a moitas das súas mulleres que participaron dun dos episodios máis fermosos en tempos de terror.