Néstor Rego: “Seguiremos presionando para que a voz de Redondela se escoite en Madrid”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun acto público en Redondela xunto co portavoz municipal, Xoán Carlos González Campo, que foi presentado pola concelleira do BNG Jéssica García Cruz, para explicar a importancia para Galiza de ter voz propia en Madrid e a importancia de acadar representación para defender os intereses das galegas e galegos, con máis forza aínda.
O deputado lembra as iniciativas rexistradas na cámara baixa para defender os intereses da veciñanza de Redondela. Por un lado os compromisos acadados para a rebaixa das peaxes na AP-9 e a liberación das portaxes no tramo Vigo-Redondela. “Agora o Goberno do Estado segue sen aclarar como vai levar adiante esta gratuidade, nos seguires reclamando que cumpran co acordado, e que retiren as peaxes, non podemos pasar por unha solución que obrigue aos veciños e veciñas a utilizar aparellos de telepeaxe para o pagamento” reivindica Rego.
Así mesmo, seguirá a exixir ao Ministerio a retirada do proxecto de construción de muros de formigón como medio para reducir a contaminación acústica que sofren as veciñas e veciños polo paso da autoestrada nas zonas máis habitadas. “Débense instalar pantallas acústicas que sexan lixeiras visualmente, que se integren no entorno, non poden servir para dividir aínda máis o barrio” subliña o deputado.
Rego mantivo un breve encontro con representantes dos veciños e veciñas afectadas pola situación da factoría Aucosa, en Cabanas-Trasmañó. No seu momento, presentou varias iniciativas no Congreso dos Deputados instando a que o Ministerio de Transición Ecolóxica se posicionase sobre a ubicación desta empresa responsábel de fedores, e verquidos na Ría.
No encontro mantido na Alameda Castelao de Redondela, o deputado nacionalista dirixiuse ao corpo militante, veciños e veciñas, e membros de colectivos poñendo en valor as mobilizacións polo Día da Patria Galega, que o vinte cinco de xullo, terá o seu colofón na Manifestación polas rúas de Compostela.