O BNG demanda ao goberno de Digna Rivas, que cumpla co acordo plenario sobre o saneamento de Cabeiro.
Xoán Carlos González reclama, “vontade política para rematar unhas obras paralizadas dende hai meses, polas que a veciñanza amosa unha grande preocupación”.
07 xul. 2021 - 00:59
Despois de varios meses dende que se iniciaron as obras de saneamento na zona do Campiño en Porto Cabeiro, cunha inversión de 152.000€, as corenta e unha vivendas seguen sen poder conectarse á rede xeral. O motivo, “que o Concello pretende que os particulares afronten outros 800€, de media, en custes, que se sumarían aos 1.200 de tarifa de conexión, e as obras particulares, dentro de cada vivenda”, denuncia o voceiro do BNG.
“Trátase dunha situación sen precedentes en Redondela, que os veciños e veciñas, teñan que sufragar as acometidas de conexión ao saneamento”, apunta o voceiro nacionalista Xoán Carlos González que no pasado pleno de xuño, defendeu unha Moción que demandaba ao goberno de Digna Rivas, que volvera a costear esta parte da obra, “da que o Concello vai saír beneficiado, ao aumentar o número de vivendas que regularizan a súa situación”.
Existe grande preocupación entre a veciñanza de Cabeiro, que se sinten ameazados polo goberno municipal. “Por unha parte obrígaselles a conectarse, e por outra, ou afrontan as acometidas, en terreos públicos, ou no futuro os custes poden ser maiores”, aclara o edil nacionalista.
No propio debate plenario tanto PSOE como AER, amosaron a súa boa sintonía. Argumentaron xuntos en contra da Moción, defendendo que os particulares asumiran os custes dunha obra que se realiza en terreos públicos, como é no caso das acometidas. O PP decantou a votación polo que a moción saíu adiante. “Agora pretendemos que o acordo de que o Concello asuma os custes das acometidas, se efectivice”, engade Xoán Carlos González.
Este acordo pode afectar ás conexións de futuros Proxectos de saneamento que se van realizar como o do Camiño da Costa, en Chapela, ou no Lugar de Albagueira, en Trasmañó.
“Dende o BNG, imos seguir defendendo que sexa o Concello quen asuma os custes derivados da instalación do saneamento en Redondela, por ser a institución máis beneficiada”, remata na súa nota o voceiro municipal.