Campaña do BNG de Redondela, contra a nova tarifa eléctrica.
A organización nacionalista vai desenvolver unha Campaña Informativa en Redondela, sobre o que supón para as economías tanto da veciñanza, como de moitas pequenas empresas a nova tarifa eléctrica.
A acción do BNG, vai encamiñada a informarlle á veciñanza, o que vai supor este novo recibo, que vai chegar proximamente coas subas establecidas polo goberno do PSOE-Podemos. Unhas tarifas que aos únicos que benefician é ás grandes corporacións eléctricas, sen importarlles o empobrecemento das clases traballadoras.
Dende a organización nacionalista consideran que “unha poboación ben informada, que presione en todos os ámbitos socias, vai pararlle os pés tanto ao goberno español, como ás eléctricas”.
Consideran dende o BNG, que a enerxía eléctrica, constitúe un ben de consumo de primeira necesidade. “Esta suba, vai directamente aos petos da veciñanza, polo que dende a nosa organización imos traballar para deter esta tolemia”.
A Campaña contra a suba da enerxía eléctrica, contrasta coa desenvolvida dende o goberno municipal de Redondela. “Imparten unhas charlas informativas, para explicar a nova tarifa, o que demostra que se dá por boa esta suba. Emprazamos ao goberno de Digna Rivas, que se poña ao carón da veciñanza e retire estas charlas organizadas dende o Concello”.
A Campaña Informativa do BNG, vaise desenvolver o sábado tres de xullo a mediodía, a carón da Alameda Rosalía de Castro, en Chapela, e o domingo catro de xullo entre as once e unha da tarde a carón do Concello en Redondela, cunha recollida masiva de sinaturas, “para pararlle os pes ao goberno de Sánchez”.
“Pretendemos crear unha tarifa eléctrica galega, que abarate o consumo das clases traballadoras, e permita o desenvolvemento de pequenas e medianas empresas”, rematan na súa nota dende a organización nacionalista