A presenza de persoas independentes, caracteriza a Candidatura do BNG-Asembleas Abertas.
Na lista que se vai presentar o vindeiro venres 24 de abril no Multiusos de Chapela, sete dos vinte e catro compoñentes, carecen de afiliación política. Persoas que, procedentes de diversos sectores sociais, comparten o Proxecto nacionalista, decidiron participaren desta Candidatura.
O venres 24 ás 20.00h, no Multiusos de Chapela, vai ter lugar a presentación da Candidatura do BNG-Asembleas Abertas coa que concorremos ás eleccións municipais no Concello de Redondela. Neste mesmo acto, vanse expoñer as liñas básicas do Programa de Goberno co que a organización nacionalista se presenta ás eleccións de maio e que van ser expostas neste acto público. Xavier Vence, voceiro nacional, vai participar igualmente nesta presentación.
Neste encontro con todos os veciños e veciñas, así como con diferentes colectivos, entidades e asociacións, vanse presentar aquelas persoas que conforman a Candidatura do BNG-Asembleas Abertas. Unha lista, na que destaca a presenza de sete persoas independentes. Homes e mulleres, que voluntariamente decidiron participaren deste Proxecto co que a nosa organización, concorre ás eleccións municipais.
Trátase de persoas que aínda que carecendo de afiliación política, si que comparten os principios ideolóxicos que o BNG sempre defendeu: a xustiza social, a igualdade, a defensa dos sectores produtivos, a posta en valor da nosa cultura e do noso idioma, a defensa dos dereitos humanos, o dereito a un traballo digno na nosa terra,... Persoas que desenvolven o seu traballo, e o seu labor en diversos eidos da vida social, tanto dentro como fóra de Redondela, participando na acción sindical, no mundo do deporte, no traballo coas ANPAs, na xestión de Comunidades de Augas, ou en diversos movementos culturais
Estes homes e mulleres, que de xeito voluntario, sen buscar ningún tipo de prebendas, ou contraprestacións, decidiron libremente participar da Candidatura do BNG-Asembleas Abertas, constitúen un dos referentes do grupo de persoas que se van presentar nas vindeiras eleccións.
Dende o BNG, destacamos que se trata dunha mostra de que existe unha clara intención en apoiar á organización nacionalista, por unha parte importante dos veciños e veciñas de Redondela. Queremos poñer en valor esta característica da Candidatura BNG-Asembleas Abertas, como un dos elementos máis salientábeis cos que se vai presentar ante a cidadanía o vindeiro venres no Multiusos de Chapela.