O Programa Concilia; exemplo da incapacidade do goberno de Javier Bas.
Dende o seu inicio, este programa deixou fóra a ducias de cativ@s, ademais de reducir as parroquias onde se desenvolve. A denuncia pública de veciñ@s de O Viso, é o último dos episodios, dun modelo radicalmente oposto, ao do BNG.
Soamente cando lle interesa, refréscanos a memoria a concelleira de Servizos Sociais, do paso do BNG polo goberno de Redondela. Aínda hai xente que acredita neste discurso, mais a realidade é teimuda.
Cómpre agora recordar, como a instauración das Ludotecas nas parroquias, foi unha iniciativa posta en marcha dende unha concellaría responsabilidade do BNG. O obxectivo principal: que os cativos e cativas dispuxeran de espazos de encontro e lecer, durante os períodos non leitivos. Daquela, non quedaba ninguén fóra, non existían os complexos trámites burocráticos como agora, creándose unha nova partida orzamentaria, que aos poucos foise consolidando. Ademais de facelo máis meses que coa fórmula do PP, incluso se chegou a desenvolver durante o período escolar, recordou o concelleiro Xoán Carlos González.
Durante o debate plenario así como nas dúas xuntanzas posteriores, no que se pretendía mellorar o Regulamento de acceso, o concelleiro nacionalista considerou que de manterse este modelo do Partido Popular, vaise afondar na marxinación, posto que sempre quedarán rapaces e rapazas fóra, por distintos motivos. Rexeitou a levar propostas sobre este Regulamento, posto que axudaría a lexitimalo.
Trátase dun problema creado única e exclusivamente polo Partido Popular, quen quixo anular calquera evidencia positiva do paso do BNG polo goberno de Redondela. Introduciron un modelo, que para nada resposta á demanda das familias, e dos cativos e cativas., salienta o concelleiro do BNG.
Aos poucos, quedaron fora algúns centros culturais, concretouse o número de admitidos, sen ter en conta a demanda real destas Ludotecas, quedando ducias de solicitudes en lista de espera, afirma. Mesmo chegou a darse a situación, de que o primeiro día de inscrición, a mesma persoa presentou ata 50 solicitudes. Unha cacicada en toda regra.