SOBRE A PROPOSTA PRESENTADA POLO PP EN REDONDELA PARA A MINORACIÓN DAS ASIGNACIÓNS

SOBRE A PROPOSTA PRESENTADA POLO PP EN REDONDELA PARA A MINORACIÓN DAS ASIGNACIÓNS

Diante da proposta do Sr Alcalde e o goberno local  para a minoración das asignacións aos grupos municipais e membros da Corporación municipal e do goberno local  de Redondela o BNG argumenta a súa abstención en base ás seguintes consideracións:

1)  O Partido Popular pretende mostrar con esta iniciativa unha falsa solidariedade coas vítimas da súa brutal medida contra as familias como é recortarlles o salario e eliminarlles a paga de Nadal, medidas que afectan sobre todo a traballadores/as e funcionarios/as. E con esta impostura pretenden aplacar a indignación das persoas afectadas querendo darlle unha pátina de normalidade a algo tan brutal como extraordinario.

2) Queren con este tipo de medidas lexitimar os recortes iniciados polo goberno do PP no Estado que non fan máis que demostrar a mala xestión do PP, porque cada vez a situación económica é máis grave, clara demostración da inutilidade destas medidas.

3) Porque non temos inconvinte en asumir medidas como as propostas se realmente servisen para algo, porque racionalizar a administración non estriba en recortar os dereitos económicos de concelleiros, concelleiras e grupos municipais, senón en procurar:

  • Unha reforma fiscal con criterios de progresividade, que estabeleza un imposto sobre as grandes fortunas, incremente o gravame sobre as rendas altas e as procedentes de capital, así como que cree un gravame especial para as empresas con grandes beneficios, e remate cos privilexios fiscais á Igrexa católica.
  • A imposición sobre os movementos especulativos de capital.
  • Unha reforma das administracións públicas baseada na racionalidade, que contemple a supresión das deputacións provinciais, a desaparición da administración periférica do Estado, a redución sustancial do gasto militar e da Casa real.

4) Porque o PP está obsesionado coa redución do déficit público como prioridade económica, a costa incluso de reducir servizos básicos, canto a alternativa á recuperación económica é outra: apoiar as empresas, xerar emprego e estimular a demanda.

SOBRE A PROPOSTA PRESENTADA POLO PP EN REDONDELA PARA A MINORACIÓN DAS ASIGNACIÓNS