“Retroceso na inversión en saneamento” durante o mandato de Javier Bas.

“Retroceso na inversión en saneamento” durante o mandato de Javier Bas.

“A inversión media anual, moi por debaixo dos 600.000 de mandatos anteriores”, afirma o noso concelleiro nacionalista Xoán Carlos González.

 

Despois de tres anos dende que Javier Bas asumira a responsabilidade de exercer como alcalde en Redondela, para a nosa forza a valoración en canto á inversión realizada no saneamento , “non pode ser máis desalentadora”. Veuse dunha situación cun ritmo de inversión, que de media superaba os 600.000€ anuais, chegando nalgún momento ao millón de euros, a unha parálise case absoluta na actualidade.

“A aposta decidida do BNG polo saneamento, permitíu a chegada desta infraestructura  básica a todas as parroquias de Redondela”. “Cando o BNG gobernaba esta área creáronse altas expectativas por parte dos veciños e veciñas, afirmando que “canto máis se construía, máis se demandaba, ao ver que o compromiso era real”. Dábaselle resposta a unha demanda adiada durante décadas.

Destaca igualmente que dende o punto de vista medioambiental supuxo un avance, posto que incidíu na eliminación de verquidos e na mellora da calidade das augas dos regatos, ríos e da propia Ría.

 

Escaso compromiso do goberno de Javier Bas.

“Pola contra, para o alcalde Javier Bas, en ningún momento foi o saneamento unha prioridade. Non o foi porque interésanlle máis as campañas publicitarias e salvagardar a súa imaxe, que realmente respostar ás demandas veciñais”.

Existen varios proxectos conxelados dende o ano 2013 para diferentes parroquias, como Vilar, Cabeiro, O Viso, Cedeira..., cunha inversión que supera por pouco os 300.000€”. Recordamos que estamos na fase, na que calquera pequena obra permite o enganche ás vivendas, feitos xa os colectores principais. Por iso un maior ritmo inversor en saneamento, conectaría un elevado número de casas para que puideran facer uso desta infraestructura.

“Para o BNG, o goberno de Javier Bas quere volver aos tempos nos que a chegada de infraestructuras prioritarias, fanse en función da vontade dos gobernantes de turno. Iso non é gobernar. Gobernar é priorizar as necesidades do concello, actuando con criterio para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas implicándose decididamente”, di X. Carlos González.

 

Cambio de rumo do goberno.

Dende o BNG queremos saber se a ralentización evidente da inversión en saneamento obedece a unha estratexia do goberno de Javier Bas. Hai xá vários meses que anunciaron que pequenos proxectos (ningún superaba os 100.000€), se ían poñer en marcha. A día de hoxe, nada de nada. “Mesmo hai partidas desta área que quedaron sen gastar do ano 2013”.

Alertamos dende o BNG, do interese do goberno Bas, para realizar unha inversión conxunta para final de mandato. “A pesar diso moitas familias de Redondela, seguirán  á espera de que se lles leve a obra ata as súas vivendas”.

Reclamamos, pois, unha maior dotación en saneamento para dar resposta a “unha verdadeira demanda social, que remate con anos de desvantaxe de moitos veciños e veciñas de Redondela”.

 

Cecília Pérez e Xoan Carlos González

 

 

“Retroceso na inversión en saneamento” durante o mandato de Javier Bas.