O goberno de Javier Bas, un goberno de estamos traballando no tema.
Coñecida a incapacidade do goberno popular de prantexar un verdadeiro Proxecto para Redondela, no que se dea resposta ás necesidades dos veciños e veciñas, a estratexia a seguir baséase no estamos traballando no tema.
As denuncias feitas dende o BNG sobre a problemática das augas das fontes públicas certifica non só a incapacidade, senón a temeridade coa que o goberno de Javier Bas acomete a problemática real da saúde pública. Unhas presuntas necesidades de salvagardar a saúde pública, que si foron empregadas para talar os platanus no aparcadoiro da Alameda de Redondela.
No caso concreto das fontes, recoñecen publicamente a falla de control da salubridade da auga. Mesmo chega a mofarse o goberno municipal dos veciños e veciñas, afirmando que se alguén se tivera posto malo, xa terían tratado o tema.
Outro capítulo indigno para un goberno local, centrouse na problemática de Arealonga. Ata que a asociación de veciñ@s non denunciou, pretendeu pasar de puntiñas sobre o tema, para evitar problemas.
En canto á sinalización na zoa da subida á Estación, tamén prantexan que xa era un tema no que estaban a traballar.
A estratexia vai acompañada dunha resposta nos medios de comunicación, con actuacións colaterais. No caso da problemática da praia de Chapela, infórmase de que un tractor está a limpar as pedras do areal, sen ningún tipo de criterio. Ante a perda de area, anúnciase que hai 30.000 reservados para unha actuación, sen que haxa ningún tipo de proxecto que o avale. Falla de criterio na problemática do tráfico, pois difúndese que se puxeron uns bordos en Arealonga, eliminando dúas prazas para minusválid@s.
Para o BNG o goberno de Javier Bas xoga coa xente. Esa pretendida defensa dos veciños e veciñas, convértese a cotío en fume. Falla a planificación, un proxecto de traballo. Queda claro que a improvisación, capear os problemas, e acalalos mediaticamente son a única vía de escape.
Atopámonos ante un goberno incapaz en canto a unha estratexia de traballo conxunto. Non existe nin criterio, nin dirección, nin aposta e defensa dos intereses veciñais. Como noutros concellos da nosa entorna, ao PP o único que lle interesa é perpetuarse no poder, dándolle cobertura a Louzán, Feijóo e Rajoy.