En Chapela Javier Bas pretendeu a suba irregular das taxas da piscina.
“Cunha serie de medidas beneficiosas para a concesionaria, pretendía que os veciños e veciñas afrontasen un maior pago, seis meses antes do estipulado no contrato”
A renovación da concesión da xestión do Centro de Deportes Acuáticos de Chapela, plantexa para @s nacionalistas, condicións enormemente vantaxosas para a empresa que se encarga da explotación deste servizo.
Segundo o concelleiro, Xoán Carlos González, nas propias bases de contratación recollíase a posibilidade de compensar a empresa adxudicataria con ata 120.000 euros, en concepto de consumos de auga, electricidade e biomasa, que finalmente se reduciron ata os 80.000€. Recollen igualmente a posibilidade de que no caso de que exista unha redución nos consumos anuais, o Concello verase na obriga de reingresarlles ata un 25% de dito aforro.
Salienta, como xa fixo no Pleno do mes de decembro, que Javier Bas plantexou a suba das taxas, “antes incluso de asinar o contrato de explotación, cando se recollía claramente que durante os seis primeiros meses a concesionaria debería manter os prezos actualmente vixentes. Dende o BNG mantivémonos firmes en rexeitar esta proposta, que finalmente non prosperou”.
Outra das medidas adoptadas polo goberno de Javier Bas, ten a ver coa asignación dunha partida de 20.000€ para adquirir novas taquillas para os vestiarios, “cando as anteriores apenas teñen catro anos, e en todo caso consideramos que debería ter sido a concesionaria quen correse cos gastos, por non mantelas en debidas condicións”, afirma.
Advirte Xoán Carlos González da tendencia do goberno municipal de Redondela de velar máis polos intereses da concesionaria, que polos dos veciños e veciñas. “Parécennos medidas moi clarificadoras de para quen goberna o Partido Popular”.
Segundo o edil do BNG, detrás de todas estas medidas agóchase a mala xestión da empresa concesionaria, e a submisión do alcalde de Redondela aos intereses da mesma. “Pretendeu en todo momento que fosen os veciños e veciñas quen soportasen as compensacións á empresa que se encarga da xestión dun servizo público”, remata na súa nota.