Os traballadores e traballadoras do Concello deRedondela teñen dereito a cobrar as horas extra.
Entre un dos acordos debatidos no Pleno Extraordinario de decembro recollíase a proposta de remuneración de horas extraordinarias do mes de decembro a funcionari@s (gratificacións), por un montante de 2.896,35€.
Esta proposta, que obrigatoriamente debe pasar polo acordo plenario, contempla mes a mes o que se debe pagar por este concepto. Nos orzamentos, recollíase unha partida de 39.249,15€ para costear as gratificacións. A falla de previsión e planificación, improvisación que caracterizan a xestión do goberno de Javier Bas, supón que dende o mes de xuño, teña que levarse ao Pleno, o apoio ou rexeitamento á proposta.
Dende xuño, as gratificacións foron as seguintes: 8.076,42€; 10.544,69 no mes de xullo; 3.331,15 no 26 de xullo; 1.231,06 en setembro; 4.820,02€ no Pleno do 27 de setembro; 1.172,64€ en outubro; 3.134,46 en novembro. A suma total, contados os incluídos no Pleno Extraordinario de decembro ascende a 74.455,94€, é dicir, case o dobre do inicialmente orzamentado polo equipo de Javier Bas. Sinalar que a lei permitiríalles chegar aos 99.597€.
Nos debates plenarios de cada mes, o voceiro do BNG Xoán Carlos González, alude á falla de previsión e planificación que atesoura o goberno municipal de Redondela. Con todo, considera que os traballadores e traballadoras, non son responsábeis da falla de previsión, e deben cobrar o traballo efectuado. Neste sentido, cuestiona a mala xestión do goberno de Javier Bas, mais permite coa súa abstención que as cheguen a cobrar. “Parécenos de xustiza que quen realiza un traballo cobre por el”, afirma.
De xeito recorrente o resto de forzas xustifican o seu voto a favor, en contra ou abstención. Así o resultado das votacións soen ser as mesmas. Reproducímolos aquí.
VOTACIÓN E ACORDOS: Sometida a votación a proposta antes indicada, resulta aprobada en votación ordinaria por maioría dos concelleiros presentes, sendo 08 votos a favor do PP, 04 votos en contra de AER e 08 abstencións (06 de PSOE, 01 do BNG e 01 do concelleiro non adscrito).