Xoán Carlos González, candidato do BNG de Redondela.
O noso traballo colectivo, vainos volver a situar no goberno municipal, afirma na súa intervención ante a Asemblea Local.
A proposta do responsábel local, o ata agora concelleiro do Bloque Nacionalista Galego, Xoán Carlos González, foi elixido por unanimidade pola Asemblea Local de Redondela para encabezar a candidatura para as vindeiras eleccións municipais.
Mestre de ensino público, Xoán Carlos González (Redondela, 1970) leva participando da política local redondelá dende hai vinte anos. Dentro do organigrama da organización nacionalista, exerceu de Responsábel Local, e membro do Consello Comarcal. Membro da Comisión Nacional de Servizos Sociais do BNG. Dende o ano 99, formou parte das diferentes candidaturas do BNG, en Redondela. Dende o ano 2011 integra o grupo municipal.
Recibimos o encargo, eu e o resto da candidatura, de desenvolver un novo Proxecto para Redondela, afirma. Aposta polo traballo, man con man, con asociacións e colectivos sociais para traballar a prol de todos os veciños e veciñas de Redondela.
Ademais da elección da persoa que encabeza a candidatura, denominada BNG-Asembleas Abertas, na asemblea establecéronse os criterios para a conformación do resto da candidatura.
Segundo Xoán Carlos González, por tratarse dunha fórmula na que se recolle o interese de moitas persoas por participar dun novo goberno municipal, integraremos persoas sen militancia. Outros dous criterios que se aprobaron constitúenos a presenza relevante de mulleres e a incorporación da xente moza.
O Consello Local, púxose a traballar para conformar o resto da candidatura, destacando que o proceso está xa moi avanzado, e nas vindeiras semanas agardamos presentar a un bo treito da lista.