Xoán Carlos González critica que Javier Bas renuncie á estación de Chapela.

Xoán Carlos González critica que Javier Bas renuncie á estación de Chapela.

“Deixan sen tren de cercanías, á principal parroquia de Redondela”, afirma. Consideramos que o alcalde non se implicou neste tema, para conseguir outras prebendas do seu partido. O BNG, ten presentado diversas iniciativas para que se levara a cabo un Proxecto orzamentado en 200.000€

Dende a organización nacionalista consideramos moi negativas as declaracións do alcalde de Redondela, nas que claramente renuncia á construción da estación de tren en Chapela. “Curiosamente, a parroquia con máis habitantes, máis próxima a Vigo, que ve pasar todos os días ducias de trens, non pode facer uso deste medio de transporte”, segundo palabras do concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González.

Nas súas declaracións o concelleiro do BNG, valora como “neglixente”, a xestión do goberno municipal de Redondela, a respecto da Estación de Tren en Chapela. “Debería ser unha das prioridades, na súa xestión en canto ao transporte e infraestruturas, e non a de fotografarse coa ministra de Fomento, quen vai a esnaquizar a parroquia”.

Xoán Carlos González, recorda “que a traveso da deputada Olaia Fernández, foron varias as ocasións nas que interpelamos á ministra para que desenvolvera o Proxecto da Estación de Tren de Cercanías de Chapela. Deste xeito daríase resposta ás demandas de comunicación con Vigo, reducindo o número de vehículos de entrada na cidade. A resposta sempre foi negativa”.

“Dende o 2011, no que se aprobara a redacción do Proxecto por 109.000€, os veciños e veciñas de Chapela, agardaron pacientemente pola Estación. Agora que moitas infraestruturas ferroviarias estanse a remantar, ven incumpridas as súas demandas.  O goberno municipal, aproveitouse da boa fe de colectivos e particulares, presentando como un éxito, unha pequena parte dun Proxecto que xa debería estar rematado.”

“Dá a impresión que se está a xogar cos intereses e demandas de veciños e veciñas, aceitando como boas, inversións que deberían estar feitas hai meses, obviando as de primeira necesidade como a Estación de Tren. Existe unha complicidade de Javier Bas  co Ministerio. Para o BNG, o cambio no goberno municipal, garantirá que se presione de verdade a Fomento, para que a Estación sexa unha realidade canto antes”, remata na súa nota o noso concelleiro.

 

Xoan Carlos González, concelleiro do BNG en Redondela.

Xoán Carlos González critica que Javier Bas renuncie á estación de Chapela.