Xoán Carlos González, cuestiona que o goberno de Javier Bas, non rexeite as ampliacións de pantaláns
O concelleiro nacionalista, defendeu a moción do seu grupo, na que se instaba ao resto de grupos políticos a rexeitar os proxectos, e a que o alcalde, como membro do consello de administración, presionara ante a Autoridade Portuaria.
Tiñan previsto votar en contra desta moción, non só porque a Autoridade Portuaria, está xestionada polo Partido Popular. Tamén porque hai compromisos persoais do goberno municipal cos promotores das ampliacións. Así o afirma o concelleiro do BNG.
Trátanse, os expedientes de ampliación, de claros exemplos de como actúa a Autoridade Portuaria, unha administración paralela, que actúa, segundo o concelleiro nacionalista, en contra da preservación da Ría de Vigo.
Estivemos estudando, o caso destes dous expedientes, e a información que obraba na sé da Autoridade en Vigo, pouco tiña a ver co que manexaba o Concello. Mais isto non é motivo para que o grupo de goberno, por boca do concelleiro de medioambiente, afirmara que descoñecía o contido do mesmo, e que ían agardar a manexar máis documentación.
Recorda que ademais de estudar os expedientes, preguntaron no Consello Parroquial de Chapela, e en escrito dirixido ao alcalde Javier Bas. En todo momento, as respostas foron vagas, restándolle importancia a estes cambios de autorización a concesión. Quixeron que o tema pasara desapercibido.
O cambio de autorización a concesión, ademais de que permite que o control público destes espazos pase de 3 anos ata os 35, vai ser utilizado para que se constrúan máis pantaláns, con máis amarres, afirma Xoán Carlos González.
Destaca na súa nota, que dende o BNG non iamos quedar cos brazos cruzados. Non podiamos permitir que se volvese agredir ao entorno da Praia de Arealonga, un dos escasos entornos que quedan para goce dos veciños e veciñas, na beiramar de Chapela.
Para Xoán Carlos González, trátase dun novo exemplo, de que o grupo de goberno, con Javier Bas á cabeza, renuncia realmente a defender os intereses dos veciños e veciñas de Redondela. Pretenden dar a imaxe de que estas actuacións, como a ampliación da autoestrada, ou que non se constrúa a Estación de Tren, non dependen deles.
Destaca a importancia dun traballo conxunto con colectivos e asociacións, ao sumar esforzos en contra destas actuacións. Xunto ás alegacións da AA.VV. De Chapela, do Club de Remo, e de A Ría non se Vende, o Concello de Redondela, oponse á ocupación de máis espazos do entorno de Arealonga, a pesares do goberno Bas.
Finalmente afirma que Redondela necesita que outro alcalde defenda de verdade os seus intereses, ante as diferentes administracións que a están a castigar a cotío. Con un alcalde do BNG ao fronte do goberno municipal, vaise traballar para deter aquelas actuacións que vaian en contra dos nosos intereses, conclúe na súa nota.