O PP non quere que se fale de política.
A algo menos de dous meses de que se celebren as eleccións municipais, o PP de Redondela unicamente acredita en explotar a imaxe de Javier Bas, e en que se lles desvincule da dereita. Non queren que se fale de política, posto que están a minar os dereitos do conxunto da cidadanía, e os dereitos que como nación nos asisten.
As perspectivas electorais, que marcarán as vindeiras eleccións municipais, caracterízanse pola perda de peso específico do bipartidismo. Tanto PP como o PSOE, van descender en número de votos e, polo tanto, de concelleir@s. O BNG, esta a desenvolver un traballo de grande incidencia social, para traducilo en maiores apoios na conformación dun novo goberno municipal. Estamos en disposición de que sexan agora outras forzas políticas, as que teñan que apoiar a investidura dun alcalde nacionalista en Redondela.
Nestes momentos, o Bloque Nacionalista Galego, ten perfectamente conformada a súa candidatura e os principios do seu Proxecto para Redondela. Pola contra, o Partido Popular basea a súa estratexia electoral, en explotar a deteriorada figura de Javier Bas, e en distanciarse do seu propio partido.
A pesares de que a concelleira de facenda, Ana Alonso, se esforce en loitar contra algo tan elemental como que os orzamentos dun concello son un documento político, o grupo que vai liderar Javier Bas, pretende que non se fale de política. Non lles gusta, agora que os ventos son contrarios, a que se lles vincule coas liñas marcadas dende Madrid e Compostela, das que os populares de Redondela, son submisos executores.
Apoio á privatización da sanidade pública, desmantelamento dos servizos sociais públicos, ou privatización dos mesmos, apoio á reforma laboral, defensa da proposta do mapa xudicial, apoio aberto á LOMCE, apoio á nova lei do aborto... Son algúns dos exemplos dos que se pode votar man. O PP de Redondela, non é nin máis nin menos que o PP.
O goberno de Javier Bas, considera que a sociedade redondelá, está conformada por un rabaño de ovellas. Considéranse como os verdadeiros benefactores duns veciños e veciñas que non teñen maior aspiración que un punto de luz, un pouco de piche, ou unha carroceta de cemento. Non queren falar de política, aínda que cada paso que dan é pura e dura política.
O BNG, asume como seu un labor que calquera organización nacionalista e de esquerda, debe enfrontar: a politización da vida social dos homes e mulleres deste País. Unha sociedade formada e concienciada é máis difícil de manipular. Seguiremos traballando para botar ao PP do goberno de Redondela, e conformar un goberno que dea resposta ás verdadeiras demandas e aspiracións do conxunto de veciños e veciñas.