Xoán Carlos González demanda ao concello conciliación en semana santa.
“Debe organizarse en todas as parroquias co fin de que os nenos e nenas dispoñan de actividades organizadas dende o concello”, sinala.
18 mar. 2024 - 09:20
A proximidade da celebración das vacacións escolares de semana santa, debe servir para que o concello organice actividades de conciliación “en todas as parroquias do concello”. Ese é o criterio fundamental que para o voceiro do BNG, Xoán Carlos González deben cumplir os campamentos que tradicionalmente se organizan nestas datas.
Segundo o voceiro nacionalista, a convocatoria municipal de Obradoiros é claramente insuficiente, posto que se limita unicamente a Redondela e Chapela. “Non se pode actuar deste xeito, debe abrirse a todos os nenos e nenas do concello”, sinala.
Lembra Xoán Carlos González que estas actividades servían para que os cativos e cativas en periodo vacacional dispuxeran dunha atención ben organizada dende o concello. “Unha oportunidade de educación informal que os nenos e nenas agradecen e as familias recoñecen como moi positiva”.
Para o voceiro nacionalista este tipo de campamentos de conciliación deben servir para dar resposta ás demandas que a veciñanza nos está a plantexar, e ante a indiferenza do goberno galego ten que ser a administración municipal quen desenvolva estos campamentos.
Demanda igualmente que se teña en conta ao alumnado de necesidades de apoio educativo, para que poida participar integrándose con compañeiros e compañeiras da súa idade.