Xoán Carlos González: O goberno de Javier Bas, quere deixar Eidos como barrio dormitorio.
O concelleiro nacionalista, considera que os cambios no tráfico ademais das plantacións levadas a cabo sen criterio, van en contra dun entorno máis habitábel e humanizado.
Nas últimas semanas, o Concello de Redondela, realizou unha serie de intervencións, nunha das zoas de expansión do núcleo urbano, e que van en contra de humanizar espazos e crear condicións para unha verdadeira vida en veciñanza en Eidos. Isto é o que consideramos dende o BNG.
Os cambios no tráfico rodado, establecendo sentidos únicos soamente pretenderon crear máis prazas de aparcamentos. No canto de gañar espazos para as persoas, auméntano para os coches, afirma Xoán Carlos González. Deste xeito danse pasos para converter Eidos, nun aparcadoiro, lonxe de convertelo nun entorno máis habitábel.
Outra das actuacións que cuestiona o concelleiro do BNG, céntrase nun espazo verde situado entre edificios. Trataríase dunha área duns 700 m2, perfecta para a creación dunha área de lecer e encontro entre veciñ@s. Tendo en conta que a maior parte das familias deste barrio, están formadas por parellas mozas con cativos e cativas, evitaríanse desprazamentos ao centro de Redondela. O que se fixo foi plantar uns arboriños, e nada máis.
Segundo o concelleiro nacionalista, as actuacións do goberno de Javier Bas, van en contra dunha verdadeira humanización de entornos urbanos. En primeiro lugar, porque actúan coa súa característica prepotencia, ao ignorar un acordo plenario, no que se acordara recuperar esta zoa.
Por outra banda, pretenden converter Eidos nun barrio dormitorio, e nun espazo de paso, situación que se vai ver agravada dende o momento no que se abra a estación do AVE. Xoán Carlos González, responsabiliza ao alcalde por pretender converter este entorno, nun barrio de segunda.
Consideramos inexistentes as políticas de humanización do goberno de Javier Bas. Nunca respostan ás verdadeiras necesidades dos veciños e veciñas, unicamente ás súas ansias de realizar obras faraónicas, máis que cuestionábeis.
Destaca o concelleiro nacionalista que os e as redondeláns, xa saben que soamente da man do BNG, pódense desenvolver verdadeiras actuacións de humanización, que convertan os núcleos urbanos de Redondela, en espazos habitábeis.