O BNG esixe o traslado de servizos sociais á urbanización de Regojo.
Mediante un proxecto de compensación urbanística , o Concello dispón dun local de 300 metros cadrados para servizos sociais.
A construción de dous bloques de vivendas na rúa 8 de marzo en Vilavella, foi aproveitada polo BNG, daquela no goberno municipal, para xestionar un novo local para o departamento de servizos sociais. “O Concello é propietario dun espazo de 300 metros cadrados desta urbanización para a reubicación do servizo”, sinala o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González. Trátase dun novo elemento no mapa de equipamentos ao servizo da cidadanía, deseñados no seu día pola organización nacionalista, coa unidade de servizos sociais e Escola de Educación Infantil en Chapela, o Centro de Día de Cesantes, e o Centro de Día de Trasmañó, este último rexeitado polo goberno de Javier Bas.
O voceiro nacionalista apunta que este local pode albergar as dúas unidades de servizos sociais de Redondela, que atenden a preto de 20.000 veciños e veciñas e o Centro de Información á Muller. “Trataríase de reubicar un servizo básico, en condicións de calidade para as traballadoras, de máximo nivel para os e as potenciais usuarios. Un compromiso real do BNG polos equipamentos sociais”.
Cuestiona o voceiro nacionalista moitas das propostas do goberno de Javier Bas de reinversión do 1.100.000 euros de remanente de tesouraría, afirmando que non se pode apoiar “un modelo de actuacións clientelares, sen proxecto, e descordenadas, presentadas polo goberno municipal. O BNG propuxo priorizar a inversión no novo local de servizos sociais, atopándonos co seu rexeitamento frontal”. Critica que non exista ningunha partida para este equipamento, mentres centos de miles de euros vanse en asfaltado. “Desperdiciaron unha boa oportunidade para poñer os servizos sociais de Redondela onde a veciñanza merece”.
Recorda como o goberno de Javier Bas, utilizou a propaganda traendo a Alfonso Rueda, a anunciar investimentos inexistentes, ou apostando por departamento o ao Multiusos, nun emprazamento en precario.” Obstaculizan o traslado a este novo, ao non crear ningunha partida co remanente de tesouraría, cando a lei si llo permitía”.
Afirma Xoán Carlos González que “o obxectivo de Javier Bas, consiste en converter os servizos sociais en atención á beneficencia. O BNG enfronta este modelo, impulsando uns servizos sociais de calidade, como un dereito da cidadanía, non como unha concesión dende o goberno”. Esixe o voceiro nacionalista, a inmediata creación dunha partida orzamentaria para que se realice o traslado deste departamento ao novo local da urbanización de Regojo.