redondela
UNKNOWN

O goberno de Javier Bas dalle as costas aos afectados pola suba do IBI.

“Consideran como infractores aos afectados, malia que grazas a eles van aumentar os ingresos para o Concello”, afirma X. Carlos González

O Partido Popular rexeitou apoiar que temporalmente se instrúa e reordene ao persoal municipal, coa finalidade de asesorar tanto en Redondela como en Chapela aos afectad@s sobre a regularización catastral, imposta polo Ministerio de Facenda. A iniciativa presentada polo BNG e apoiada polo resto de forzas da oposición, “vai ser difícilmente aplicábel, posto que o goberno de Javier Bas, votou en contra”, afirma o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González. O goberno municipal deixa en mans da empresa encargada da recadación municipal, a información que se preste.

A regularización catastral vai afectar principalmente ás vivendas do rural, que terán que tributar por galpóns, churrasqueiras, pendellos, casetas de can,... Non estamos en contra de que se legalicen, máis si de que tributen como habitábeis. De feito, moitas destas construccións non entrarían na actualización do IBI, “mais o goberno do Estado, confía en que os afectados e afectadas non reclamen, para poder subirlles o recibo”.

“Consideramos vergoñenta a actitude do goberno de Javier Bas, que por medio da súa voceira Mari Carmen Amoedo, cargou sobre os veciños e veciñas afectados, como irresponsábeis e insolidarios. Despois farán gala da súa boa xestión, grazas á suba nestes recibos do IBI no rural” afirma Xoán Carlos González.

Cuestiona a solución dada pola concelleira do PP cos veciños e veciñas de Chapela e Trasmañó, “ofrecéndolles a posibilidade de empregar a tarxeta metropolitana para ir ata Redondela, a que os asesoren. Unha mostra da chulería e prepotencia coa que actúa este goberno”, conclúe.

“Trátase dun feito insólito que o goberno municipal, principal beneficiario, culpabilice a veciños e veciñas que van ter que pagar uns recibos moi elevados do IBI, con carácter retroactivo, por construccións que únicamente son complementarias ás vivendas”, remata na súa nota o concelleiro nacionalista.

 

Ler novas
UNKNOWN
Plano do proxecto de ampliación do aparcadoiro do supermemrcado Vego.

O BNG demanda que se informe sobre a construcción dun novo aparcadoiro en Reboreda.

No Boletín Oficial da Provincia, publicouse anuncio de Augas de Galiza, sobre solicitude de construción de aparcadoiro do supermercado situado na parroquia de Reboreda. Ábrese proceso de exposición pública para que se poida estudar, e mesmo se presenten alegacións ao mesmo.

A traveso do seu concelleiro, Xoán Carlos González, o BNG estudou o expediente, que recolle a construción dun aparcadoiro, nunha parcela colindante ao propio supermercado. Na actuación prevista, sobre unha superficie de arredor de 2.200 m2, preténdese ubicar unhas 70 prazas de aparcadoiro.

Segundo o concelleiro do BNG “un dos problemas que se prantexa, reside na cercanía desta actuación ao río Alvedosa, a menos de 50 m. O proxecto leva aparellado un balado duns 6m. de altura, co que o seu impacto, visual nun entorno recuperado para a veciñanza, vai ser de relevancia”.

Outra das circunstancias que se pretende que aclaren segundo manifesta Xoán Carlos González, consiste “nunha posíbel construción dun vial co que o impacto no entorno, vai ter maior repercusión”, afirma.

Critica o concelleiro nacionalista que “por segunda vez en poucas semanas, o primeiro fora a ampliación da senda polo río Alvedosa, unha actuación de envergadura que afecta a Reboreda é silenciada polo goberno de Javier Bas, co que nada de transparenza; opacidade e silenciamento”.

Exiximos que o Concello manteña puntualmente informados aos diferentes colectivos parroquiais sobre este Proxecto de Aparcadoiro, ben remitíndolles o propio Proxecto, ou unha convocatoria extraordinaria do Consello Parroquial”. Considera que o goberno de Javier Bas pretende converter os Consellos Parroquiais en meros instrumentos informativos, “dende o BNG pretendemos recuperar o protagonismo das entidades sociais parroquiais, coñecendo a súa valoración e opinión en actuacións de calado, como esta que se propón para Reboreda”, remata na súa nota o concelleiro nacionalista.

Ler novas
UNKNOWN
image-enHF-1000x_

O goberno de Javier Bas, “botado ao monte”.

Nas últimas semanas o Partido Popular de Redondela, sacouse a careta, e deixou ver a súa verdadeira faciana. Nada de velar polos intereses dos e das redondeláns. Nada de poñer o debate e o diálogo enriba da mesa, como instrumento para a posta en común e a mellora das condicións para veciños e veciñas. Nada de permitir debates e diálogos “participativos”.

No 25 de novembro, data destacada no calendario anual en contra da violencia de xénero, no canto de participar nos actos reivindicativos ante as portas do Concello, a concelleira de servizos sociais e urbanismo, Mari Carmen Amoedo, acompañado do concelleiro de deportes, Julio Alonso formaron parte da comitiva que o PP despregou na sé da Deputación de Pontevedra. Tratouse dun acto partidista para presionar ao goberno provincial, unicamente para beneficio dos seus gobernos. Existen, pois, outras prioridades para membros do goberno municipal: primeiro o partido, despois o servizo público.

O día 1 de decembro, debe ser remarcado na historia do Partido Popular de Redondela. Amosando un servilismo de difícil parangón, escenificaron na Asemblea Constituínte da Área Metropolitana o seu interese por instrumentalizar este ente, novamente en beneficio partidista.

Javier Bas, converteuse no “cabecilla” do abandono por parte dos representantes do Partido Popular desta Asemblea Constituínte. O alcalde de Redondela comprometérase en xunta de voceir@s en participar da Asemblea, e defender os intereses do noso concello. Amosando a súa faciana máis servil, humillou publicamente o cargo que representa. Volveu a prevalecer o interese por medrar dentro do partido, sobre os intereses colectivos.

Ese mesmo día, celebrouse o Pleno da Corporación. Ás once e cuarto da noite, tocaba o debate da moción presentada polo BNG sobre o catastrazo, e a demanda de formar a persoal do concello para asesorar á veciñanza. Dun xeito totalmente caprichoso, e autoritario, o alcalde de Redondela decidiu que non se ía debater.

Amosou, unha vez máis, que non lle vai permitir ao BNG expresar as demandas veciñais, máis que o legalmente exixíbel. Nada de diálogo, nin participación aberta. Ata agora, todo isto ten sido empregado para escenificar unha versión democrática, unicamente polo interese de gobernar.

O Bloque Nacionalista Galego, converteuse no verdadeiro inimigo e opositor do goberno de Javier Bas, quen vai poñer todos os medios ao seu alcance para tentar acalar á nosa organización.

Pola súa banda o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González afirmou que “non imos asistir ás xuntas de voceiros, que non sexan estritamente necesarias. Deixaremos de participar quincenalmente a unhas xuntanzas que a maior parte das veces non levan a ningún lado. Non lle imos facer o xogo ao goberno, querendo aparentar normalidade democrática, e en canto pode aplicar o rodo”.

Ler novas
UNKNOWN

Xoán Carlos González, en contra da convocatoria do Pleno da adxudicación da limpeza de edificios municipais.

O concelleiro do BNG, denunciou que a convocatoria pola premura, e por realizarse ás dúas da tarde, impediu a participación veciñal. Apostou por unha convocatoria ordinaria, tal como recolle o regulamento orgánico do concello.

Un dos puntos que recollía a convocatoria plenaria do mércores 9 de novembro, era á da ratificación da urxencia do Pleno. Xoán Carlos González, converteuse no único concelleiro dos alí presentes, que votou en contra do formato de convocatoria. Argumentou que pola envergadura do contrato, algo máis de catro millón de euros, e pola trascendencia do mesmo, debería realizarse un Pleno ordinario e ás oito da tarde.

Aludiu, na súa intervención, ao artigo número 17 do ROC, que recolle que no mesmo mes pódense prantexar máis dun pleno ordinario. “Deste xeito permitiríase a asistencia de veciños e veciñas, a unha hora máis aceptábel”.

“Trátase dun novo exemplo da nocturnidade e alevosía coa que actúa este goberno municipal. Aprobaron os soldos dos concelleiros e concelleiras, nun pleno á unha da tarde no mes de xullo do 2015; aprobaron os orzamentos do 2016, ás dez da noite, en xunta de goberno o 30 de decembro do ano 2015. Agora amosan a súa falla de transparencia, convocando este pleno ás dúas da tarde, de xeito urxente e extraordinario”, afirma o concelleiro nacionalista.

No posterior debate sobre a aprobación do contrato, o concelleiro do BNG, aludíu que a “xestión directa dende o goberno municipal, facilitaría unha xestión máis transparente, na que se consolidarían os postos de traballo, e que mesmo persoas con discapacidade puideran acceder ao traballo neste servizo”.

Ler novas
UNKNOWN
X. Carlos González xunto á marcah pola defensa da Mobilidade ao seu paso por Redondela.

O BNG apoia as reivindicacións a prol dunha mobilidade sostíbel.

O concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, participa na concentración diante do Concello, xunto aos colectivos convocantes.

Na mañá do domingo, asociacións que traballan a prol do uso da bicicleta como medio de transporte nas cidades e vilas da nosa área, levaron a cabo unha marcha dende Pontevedra a Vigo. A iniciativa contou con diversas paradas de carácter simbólico, para chamar a atención da cidadanía, e de poderes locais, para o fomento e uso da bicicleta.

Xoán Carlos González, animou a membros da Asociación A Golpe de Pedal, Asociación Pedaladas, a manter a súa liña de traballo e concienciación. Manifestou o apoio da organización local do BNG, das reivindicacións polos espazos urbanos máis humanizados onde a bicicleta lle gañe espazo ao vehículo particular, ofrecéndose a manter encontros no futuro con ditas asociacións. A mobilización contou co apoio da AA.VV de Chapela.

Informoulles aos alí concentrados, como por iniciativa do BNG, Redondela converteuse nun dos concellos pioneiros no fomento do uso da bicicleta, a traveso do servizo de alugueiro. Unha das primeiras medidas tomadas polo goberno de Javier Bas foi a de eliminar dito servizo.

Ao remate da concentración Xoán Carlos González afirmou que “por vez primeira o goberno municipal de Javier Bas é congruente cos seus principios. No seu momento eliminou o sistema de alugueiro de bicicletas. Agora non participa deste tipo de actos que apostan por unha mobilidade sostíbel,”.

Ler novas
UNKNOWN
IMG_20161003_180551

Xoán Carlos González, “a baixada da plusvalía en Redondela, obedece a unha verdadeira necesidade social”.

A proposta común de todos os grupos da oposición de baixada da plusvalía, aprobada polo Pleno da Corporación de Redondela, foi valorada positivamente dende a organización nacionalista. O concelleiro, Xoán Carlos González, considera que “dáse resposta a unha demanda social, posto que o noso concello atopábase entre os máis elevados, no abono da plusvalía”.

Aplicando este imposto municipal, as arcas do Concello recibían máis de 500.000 euros anuais. “Deste xeito, o goberno de Javier Bas podía fachendear dunha boa xestión, grazas a uns ingresos desorbitados cargándoos sobre os veciños e veciñas”, apunta.

“Coa proposta aprobada cos votos a favor de PSOE, AER, BNG e concelleira non adscrita, e os votos en contra do PP, rebáixase á metade o tipo coa que se gravaba a compravenda de vivendas e fincas urbanizables” salienta o concelleiro nacionalista.

Destaca igualmente Xoán Carlos González o feito de que se aprobara a bonificación do 95% nas doazóns, entre as que se atopan as herdanzas. “Tratábase dun dos casos máis graves, por afrontar moitas persoas desembolsos de miles de euros, convertendo estas transmisións nunha lousa económica, máis que nun beneficio”. Coa aprobación da modificación da plusvalía  vaise aliviar a carga impositiva respostando a unha demanda social, máxime tendo en conta a complexa situación económica pola que atravesan moitas familias.

Critica á súa vez á concelleira de urbanismo, Mari Carmen Amoedo, por pretender confundir á veciñanza. “Quen realmente fixo barra libre, foi o goberno do Partido Popular, ao eliminar o imposto de transmisións patrimoniais no caso das transmisións rústicas”.

Recorda o concelleiro nacionalista como “dende o ano 2011, o goberno municipal chegou a cobrar este imposto con efeito retroactivo de ata catro anos, co que moitos veciños e veciñas tiveron que facer fronte a cantidades desmesuradas por este conceito”. Eis baseábase a boa xestión do goberno municipal.

Xoán Carlos González remata na súa nota salientando “que atopámonos ante un claro exemplo de incapacidade de gobernar Redondela, por falta de proxecto, e incapacidade de xestionar, por facelo baseándose neste imposto”.

Ler novas
UNKNOWN
14329265_1183170475089025_315643168_o

Luís Bará en Redondela: “o BNG vai ser imprescindíbel para construír unha Galiza nova”.

Ante un numeroso grupo de veciños e veciñas, o voceiro municipal, Xoán Carlos González, presentou o Acto recordando algunhas das reivindicacións que levan anos aparcadas pola Xunta de Feijóo en Redondela. “Melloras nos colexios de Santa Mariña e Quintela; recuperar San Simón como referente da memoria histórica”, apostando por dinamizar o Camiño Portugués, ou a posta en marcha dun tren de cercanías, recuperando a feira do gando. Considerou “unhna vergonza manter pechado o Centro de Día de Cesantes, catro anos despois do seu remate; ou que Feijóo diga en Vigo que pretender converter en vía urbana a AP-9 en Teís, cando os veciños e veciñas de Chapela están a sufrir unha ampliación inútil, ante o silencio do alcalde Javier Bas”.

Jessica García, integrante da candidatura do BNG, responsábel comarcal de Galiza Nova, veciña de Vilar, dirixíuse aos persoas que asistiron a Acto Público na tarde do domingo, afirmando que “o goberno galego está a expulsar anualmente a 25.000 mozos e mozas ben preparados. Imos desenvolver un programa específico, dende o goberno galego para que Retornen á súa terra”. Destacou a necesidade de mellorar os servizos públicos, recordando como “eu pertencín á xeración de alumnado, que co bipartito desfrutou da gratuidade dos libros de texto. Do primeiro co que acabou Feijóo ao chegar ao goberno”.

A seguinte en participar no Acto da Alameda, foi Olalla Obelleiro, candidata do BNG, concelleira en Soutomaior. Centrou a súa intervención referíndose a que “os sectores productivos do noso País teñen futuro, e poden crear riqueza para os galegos e galegas. O que nos falta é un goberno que realmente aposte por eles”. Pedíu o voto útil para Galiza e para o pobo galego, apoiando ao BNG o 25 de setembro.

Luís Bará, candidato número 1, concelleiro de mobilidade no goberno municipal da cidade de Pontevedra pedíu o voto para o BNG, “porque se trata do voto que realmente lle fai dano ao PP, posto que vai servir para desbancalos do poder, e porque presentamos un verdadeiro Proxecto de País”. Na súa alución ante os alí congregad@s, puxo o exemplo do “aire novo que significa a presenza do nacionalismo nos gobernos municipais, ou mesmo da Deputación, o que leva a que os nosos deputados sexan ameazados de morte, ante o silencio cómplice de Feijóo”.

A continuación referíuse Bará, ao compromiso do BNG, en desaloxar ao PP da Xunta, para desenvolver políticas novas “como sempre fixo”. Recordou que se a dereita sae afortalada dos diferentes comicios, é porque PSOE e Podemos, están a xogar en función dos seus intereses de partido.

Ao longo da súa intervención asegurou que “existen potencialidades e recursos para poñer Galiza ao nível do resto do Estado”. Falou da capacidade de aforro dos galegos e galegas, que deber reinvertirse no noso País; do apoio a Proxectos Empresariais, do fomento dos nosos recursos e sectores productivos, “prantando cara ante Madrid e Bruxelas, aínda que nos inhabiliten para que mariñeiros, gandeir@s, teñan futuro”. “Recuperaremos a inversión en investigación, ao contrario do que fixo Feijóo, despedindo aos nosos investigadores e investigadoras”. Comprometeuse, o cabeza de cartel polo BNG, a crear, dende o goberno galego unha Banca Pública, recadar os nosos impostos ademáis de “afondar no autogoberno para que non teña que vin ninguén de fóra a dicirnos o que temos que facer”.

Finalmente pedíu o voto para o BNG, “como único voto comprometido e útil para Galiza” 

Ler novas
UNKNOWN
Luís Bará

Cun goberno do BNG, San Simón volverá a ser a Illa da Memoria.

Houbo que agardar ata o ano 2006, trinta anos de “democracia”, para que o goberno galego cumprira coa obriga de recuperar a memoria dos perseguidos e perseguidas polo franquismo. Coa presenza do BNG naquel goberno, instaurouse o Ano da Memoria, converténdose San Simón se convertera en Illa da Memoria, espazo de encontro e reconciliación cos perseguidos e perseguidas.

Daquela, arredor de 20.000 visitantes anuais achegábanse ata este enclave empregado durante a Guerra e anos posteriores, como campo de concentración. Houbo que agardar a que o nacionalismo asumira responsabilidades no goberno galego, para que se restablecera a xustiza, rendendo homenaxe á memoria dos represaliados e as súas familias.

Os oito anos de goberno de Feijoó, serviron para que este compromiso encetado dende o goberno galego, fose paseniñamente eliminado. A Illa da Memoria, como tal, despareceu, posto que a recuperación da memoria histórica, nunca foi unha prioridade do PP.

Diante da celebración da Eleccións Galegas, o 25 de setembro, o BNG- Nós Candidatura Galega comprometeuse por medio da súa cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, a  recuperar San Simón como Illa da Memoria. O obxectivo: recoñecer o papel individual e colectivo daqueles que mesmo pagaron coa súa vida para defenderen a causa da democracia e a liberdade. Ante o silenciamento ao que o veu sometido a dereita durante décadas, cómpre rescatalos do esquecemento.

Cómpre actuar decididamente dende o goberno galego, para sacar á luz todo sobre un dos capítulos máis escuros da nosa historia. O compromiso do BNG para que despois de setenta anos, as persoas que sufriron persecucións, violacións, asasinatos, exilio, … restitúa a súa memoria. O compromiso do goberno do BNG, para que San Simón volva a recuperar o seu protagonismo como elemento de coñecemento do noso pasado, para afortalar o noso futuro. Na nosa man está, o 25 de setembro, de poñer ao fronte do goberno galego a Ana Pontón, e Luís Bará para acadar este obxectivo.

 

Ler novas