O BNG de Redondela denuncia un xiro á dereita do goberno do PSOE.

Xoán Carlos González, “atopámonos ante un novo panorama de acordos PP-PSOE, nos que os que sairán prexudicados son os e as redondelás”
Dende a organización nacionalista valoran como “moi negativo para os veciños e veciñas de Redondela que o Partido Socialista inaugure unha senda de acordos co Partido Popular”. Un PP que mesmo acaba de negar en pleno que a atención nos centros de saúde do noso concello sexa deficiente.
Pola súa parte o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González considera que “este xiro á dereita do PSOE, suporá que este goberno vai desenvolver políticas de costas aos intereses dos e das redondelás”.
Afirma o edil nacionalista que “atopámonos ante un novo panorama de acordos PP-PSOE, nos que os que van saír prexudicados son os dereitos e intereses dos nosos veciños e veciñas”, para quen o obxectivo de ambas forzas vai consistir en facer a pinza ao BNG.
“A partires de agora imos asistir a unha escenificación de presuntas diferenzas, mais que nas cuestións de interese destes dous partidos vanse poñer de acordo, como no caso do PXOM”, sinala. Chámalle a atención que o alcaldesa executara con máis rapidez acordos aos que chegou co PP, que aos acadados co BNG.
Recorda os compromisos acadados polo BNG co goberno do PSOE como asegurar un goberno alternativo ao PP, facilitar que o comercio local cobrara facturas adebedadas polo concello, que o alumnado de bacharelato dispuxera de taxis gratuítos, ou a remunicipalición da recollida do lixo, entre outras.
Finalmente Xoán Carlos González fai un chamamento ao conxunto da veciñanza que traballa polos intereses colectivos, pola nosa cultura, polos sectores produtivos e medioambientais a aliarse co BNG e facer fronte común contra este novo bipartito PSOE-
PP. Comprométese a seguir facendo propostas para marcarlle a axenda social ao goberno “socialista porque é o que a veciñanza nos está a exixir”.