O BNG de Redondela desvincúlase de toda relación co Partido Socialista
O noso Consello Local acordou dar por pechada calquera negociación co Partido Socialista. Esta decisión é consecuencia directa dos incumprimentos reiterados do acordo de investidura por parte do PSOE local.
29 xan. 2025 - 09:47
A forma de actuar do goberno do PSOE foi autoritaria desde os primeiros meses e afastada do diálogo, sendo incapaces de cumprir ningún dos acordos asinados co BNG. Pola contra, durante este case ano e medio de mandato, estivemos dispostas a negociar e falar para levar calquera tema adiante no pleno, como demostramos durante estes meses apoiando diversas iniciativas do goberno. Ademais, levamos tempo alertando o PSOE desta situación, mais continúan nos mesmos posicionamentos autoritarios, polo que, como declara o noso voceiro municipal, Xoán Carlos González, “non podemos seguir confiando en quen non cumpre a maioría dos acordos.”
O BNG ofreceu o seu apoio ao Partido Socialista despois das eleccións de 2023 co único obxectivo de mellorar a vida das veciñas do noso concello, aínda así, a realidade foi ben distinta, xa que o PSOE non só incumpriu de forma sistemática gran parte dos acordos, senón que actuou durante este ano e medio como se tivese unha maioría absoluta que nunca obtivo por parte da veciñanza de Redondela.
O PSOE de Redondela decidiu afastarse do diálogo e traizoar a veciñanza e ao BNG nalgúns proxectos xa acordados nos últimos anos, como a reforma dos accesos á estrada de Porto Cabeiro ou os accesos ao colexio A Igrexa en Chapela. Tampouco respectaron un dos puntos máis importantes do acordo de investidura: a aprobación dos orzamentos no mes de decembro ou a negociación de calquera proxecto de máis de 300.000€ . O PSOE de Redondela decide todo como se tivesen maioría absoluta e non están a negociar co BNG os orzamentos municipais ou os investimentos máis importantes do concello que superen os 300.000.
Ante este desleixo ao BNG, a reunión do Consello Local celebrado este luns acordou que é o momento de desvincularse totalmente do PSOE porque é imposible continuar confiando nun Partido Socialista xordo, que non escoita.
Desde o BNG de Redondela aseguramos que imos encarar esta nova etapa con entusiasmo e seriedade, e continuaremos a traballar desde a oposición, como sempre fixemos neste mandato, achegando iniciativas para que a vida das redondelás mellore.