Novas
O BNG de Redondela destaca o XXVI Festival Internacional de Títeres como modelo de tecido cultural a pór en valor e promocionar
20/maio/2025
A 26ª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela volveu demostrar a boa saúde do tecido cultural autoxestionado e local congregando a milleiros de persoas neste fin de semana con actuacións en dez escenarios diferentes ao longo da vila.
Este festival pon a Redondela no mapa mundial das artistas de monicreques e reivindica a nosa cultura, ademais de propiciar un espazo de divertimento en galego para as crianzas de todo o país.
Desde o BNG de Redondela aspiramos a que Redondela se convirta no concello de referencia da creación de compañías e da xeración de emprego das artes escénicas para exportamos a nosa visión da vida ao resto do mundo.
Porén, denunciamos que esta visión non é compartida polo goberno de Digna Rivas, xa que veñen de rexeitar a proposta do noso grupo municipal de suba de 3.000 € na colaboración do concello co festival.
Un dos primeiros retos que queremos atallar cun goberno alternativo liderado polo BNG é pórmos freo ao desmantelamento da actividade cultural de Redondela. O tecido asociativo e cultural da nosa vila ten que contar co apoio crucial dun goberno que mire polos seus intereses.
Ademais, queremos construír o Obradoiro do Monicreque como polo de creación de industrias culturais en Redondela.