Alexandre Bóveda, un facho aínda aceso.

Alexandre Bóveda, un facho aínda aceso.

Baixo o título de A Fazaña da Liberdade, tivo lugar no Multiusos de A Xunqueira unha proxección dun documental sobre a vida dun dos máis insignes nacionalistas: Alexandre Bóveda. Verdadeiro motor e impulsor da constitución do Partido Galeguista, e do seu grande obxectivo a aprobación do Estatuto de Autonomía do 36, cómpre un recoñecemento xenérico da vida e obra de Bóveda.

Castelao, os irmáns Vilar Ponte, Suárez Picallo, Otero Pedrayo,... e moitos máis nomes que deben estar presentes na historia da Galiza. Entre todos eles sobresae o deste home que con trinta e tres anos deixou a súa vida ao pé dun piñeiro en A Caeira, concello de Poio. A pesares da súa “xuventude”, a súa actividade e o seu compromiso coa terra, constitúen un dos máis destacados exemplos de loita pola liberdade de Galiza.

Non foi casual o asasinato polas forzas fascistas de quen foi unha das cabezas que impulsaron o Estatuto de Autonomía do 36. Castelao, outro dos piares do Partido Galeguista, estaba daquela en territorio leal á República.

Ao longo da proxección diferentes personaxes destacaron non só o papel de Bóveda na conformación dunha alternativa política do nacionalismo galego, a finais dos anos vinte, comezos dos trinta do pasado século. Tamén  fixeron fincapé no legado que aquel traballo de hai oitenta anos e que aínda hoxe podemos gozar, a consideración de Galiza como “nacionalidade histórica”.

Bóveda deixouse a pel non só propoñendo unha facenda galega propia, postulando que Galiza podería vivir independente de España, pois a súa aportación é maior que o que recibe (hoxe en día segue a suceder o mesmo). Ademais defendeu ata o último minuto a súa lealdade a un goberno democrático.

En A Fazaña da Liberdade, faise referencia ás arelas do Partido Galeguista, de conformar un proxecto político nunha Galiza soberana. A pesares da oposición de socialistas, anarquistas e comunistas, o Estatuto de Autonomía foi aprobado por dúas terzas partes do censo galego o 28 de xuño do 36.

O silenciamento que a administración tivo cara á figura de Bóveda, estivo sempre perfectamente planificado. Non só porque se tratou dunha persoa íntegra ata o final. Senón porque expresou perfectamente como unha facenda propia galega permitiría á Galiza unha posibilidade para a súa saída dun atraso secular. O Partido Popular, tanto nos gobernos municipais, deputacións ou Xunta, tamén tentou silenciar a súa figura.

Dende hai anos, cada 17 de agosto, día da Galiza Mártir, tanto na cidade de Pontevedra como en Poio, o BNG rende tributo a Alexandre Bóveda, un dos fachos que aínda segue aceso.

CAM00452

Alexandre Bóveda, un facho aínda aceso.