O BNG cualifica de “auténtica provocación” as declaracións da conselleira de Medio Ambiente.

Javier Bas na manifestación contra a ampliación da Ponte de Rande en Chapela en marzo de 2013.
O BNG cualifica de “auténtica provocación” as declaracións da conselleira de Medio Ambiente.

Dende o BNG consideramos que, por boca de Éthel Vázquez, expresouse que o Partido Popular sempre viu con bos ollos “unha obra inútil que vai defenestrar de vez, Chapela”.

Na visita realizada o venres 9 de xaneiro, polo séquito da conselleira Éthel Vázquez a Redondela, volveuse anunciar por enésima vez a ampliación da “ponte de Xulián”. Unha infraestrutura, moi necesaria dende o punto de vista da seguridade vial. Trátase dun cruzamento de varios viais, por onde transita un importante número de camións e coches, onde os peóns vense sometidos a camiñar a carón dos vehículos.

Mais para o Bloque Nacionalista Galego, a conselleira de Medio Ambiente fixo unhas declaracións que constitúen toda unha provocación para os veciños e veciñas de Chapela e Trasmañó. Cualificou a ampliación da autoestrada como “moi positiva para a mobilidade metropolitana”. Ante estas declaracións, que non fan máis que confirmar que o PP, sempre apoiou a ampliación, o alcalde de Redondela, Javier Bas, limítase a calar e sorrir.

Segundo o responsábel local, Xavier Balsas “convértense estas declaracións da conselleira en toda unha provocación e un exemplo do cinismo co que actúa o PP, onde apoia moitas mocións en contra da ampliación, mais calan ante o que din dende Santiago e Madrid”.

Lembramos dende o BNG que se trata da segunda vez en poucos meses, en que o alcalde de Redondela exerce como anfitrión nin máis nin menos que de dúas das principais responsábeis da ampliación de Rande: a ministra Ana Pastor, e a conselleira Éthel Vázquez.

“Existe unanimidade no conxunto da veciñanza redondelá, de que a ampliación vai ser moi negativa. Aos sobrecustes económicos, nós lle antepoñemos os custes sociais que lle vai supoñer para a parroquia máis poboada do concello”, afirma o responsábel local do BNG.

O BNG cualifica de “auténtica provocación” as declaracións da conselleira de Medio Ambiente.