O BNG propón o soterramento das liñas de alta tensión en Monte Penide

O BNG propón o soterramento das liñas de alta tensión en Monte Penide

Presentamos unha moción aos orzamentos da Xunta, para que se contemplaran 150.000 euros con este fin.

Nos últimos meses botou a andar o Museo Virtual Monte Penide (Monte Mirallo). Ademais, realizouse un traballo de catalogación, recollida de información, sinalización e difusión.

Os restos arqueolóxicos de Monte Penide, remóntanse a hai máis de 6.000 anos. Nunha área de relativamente pouca dimensión concéntranse un importante número de mámoas e petróglifos. Esta alta concentración de restos rupestres, xunto ao amplo período de tempo que abrangue, revisten de grande relevancia a este Monte.

No catálogo presentado recóllense varios roteiros onde os e as visitantes poden coñecer de primeira man a pegada de quen ocupou, viviu e mesmo foi soterrado neste entorno.

O Castro de Negros ocupa un espazo singular dentro deste Museo. Situado nun outeiro do propio Monte, está enclavado nun lugar estratéxico, co que se reafirma que o Monte Penide tivo unha relevancia singular durante varios séculos.

Monte Penide-Monte Mirallo foi catalogado como Ben de Interese Cultural pola Consellaría de Cultura no ano 2008.

Impacto das liñas de alta tensión.

A posta en valor deste espazo situado no Concello de Redondela, é valorado moi positivamente polo Bloque Nacionalista Galego. Igualmente, dende a  nosa organización vemos con preocupación o negativo impacto que sofre por mor das liñas de alta e media tensión.

As liñas de alta tensión foron instaladas por Unión Fenosa hai xa varias décadas. As de media, sufriron diversas obras nos últimos anos.

Estas liñas do tendido eléctrico supoñen un enorme impacto visual e físico nos diversos roteiros que atravesan o Monte. A instalación das mesmas no seu momento mesmo supuxo un esgazamento dalgúns petróglifos.

 

100.000 euros para soterrar os liñas eléctricas

Dende o BNG consideramos que se debe dar un chanzo máis na recuperación de Monte Penide, polo que se tomou a decisión de solicitar nunha das emendas dos orzamentos da Xunta unha partida de 100.000 euros para o soterramento das liñas de alta e media tensión.

Igualmente, informar que ábrese a posibilidade de que a Consellaría, negocie con Unión Fenosa-Gas Natural, para que colabore na recuperación deste espazo.

Dende o BNG agardamos que o Partido Popular apoie a demanda de dotación orzamentaria para que se realicen uns traballos que cualifican de “necesarios” para mellorar a situación dos restos prehistóricos de Monte Penide-Monte Mirallo.

O BNG propón o soterramento das liñas de alta tensión en Monte Penide