O BNG de Redondela considera inaceptábeis as escusas da concelleira de servizos sociais.

O BNG de Redondela considera inaceptábeis as escusas da concelleira de servizos sociais.

As declaracións feitas en Radio Redondela pola concelleira de Servizos Sociais, Teresa Paris, sobre o descoñecemento da apertura do Centro de Día de Cesantes, son valoradas moi negativamente polo BNG. A conclusión que extraemos, “confirma que nunca foi unha prioridade do goberno de Javier Bas presionar á Xunta de Galiza para a apertura desta infraestrutura de carácter social”.

Para o BNG a posta en funcionamento do Centro de Día, debe ser unha prioridade para o goberno municipal. “Rematada a obra hai dous anos, non poden agocharse eludindo responsabilidades, e mesmo cuestionando o papel da oposición”. Trátase dunha demanda de carácter social. Os veciños e veciñas esperaron pacientemente a que o alcalde, Javier Bas faga valer o seu papel de rexedor do cuarto concello da provincia, para que este equipamento sexa xa unha realidade.

 

Iniciativas do BNG

Ademais de ter interpelado ao goberno de Javier Bas en distintas ocasións, o BNG ten presentado diferentes iniciativas no Parlamento Galego.

Por terceira vez presentouse unha emenda aos orzamentos da Xunta. Por terceira vez o Partido Popular rexeitouna. Un montante de 300.000 euros para a dotación e posta en marcha do Centro de Día.

En varias ocasións, a través da deputada Carme Adán, teñense presentado preguntas ao goberno galego. As respostas foron evasivas. Neste mesmo mes de xaneiro a deputada nacionalista presentou varias preguntas para seren respostadas por escrito, outras  para seren respostadas en Comisión e unha Proposición Non de Lei. En definitiva o que se pretende é forzar ao goberno de Feijóo a poñer en marcha esta dotación de carácter social.

Redondela, coa falla de compromiso da Xunta, sofre en primeira persoa o desmantelamento dos servizos sociais pola que tamén atravesa Galiza.

A actitude do Partido Popular, vai dende a mentira (a exdelegada da Xunta, Lucía Morales, anunciou a apertura en 2012; o exvoceiro municipal igualmente se comprometeu a que se abriría en 2013) ata o obstrucionismo, pois non só por non aceitar a dotación de 300.000 euros, senón porque durante meses houbo un parlamentario redondelán na Cámara Galega, “que non moveu un dedo”.

 

Chamamento á cidadanía.

Dende o BNG facemos, finalmente, un chamamento aos colectivos e asociacións veciñais para iniciar toda unha xeira de mobilizacións. “Somentes a través da presión social e veciñal acadarase o obxectivo de que o Centro de Día de Cesantes sexa aberto de inmediato”.

APERTURA DO CENTRO DE DÍA DE CESANTES XA!!!

O BNG de Redondela considera inaceptábeis as escusas da concelleira de servizos sociais.