O BNG de Redondela satisfeito pola resolución do problema do xeito.

O BNG de Redondela satisfeito pola resolución do problema do xeito.

O 21 de xaneiro de 2014, quedará sinalada como unha das datas nas que a mobilización do sector do mar, man con man co BNG, forzaron a que Europa cambiara de parecer. Namentres o xeito se mobilizaba, o alcalde de Redondela facía gala da “colaboración institucional” gardando silencio.

Tal como anunciou en Redondela Ana Miranda, xunto a Daniel Rodas, “o xeito vai ser recoñecido como unha arte tradicional e respectuosa medioambientalmente pola Unión Europea. Nós con vós, gañamos esta batalla”.

Ante os argumentos contundentes expostos pola delegación galega, sobre a orixe e o modo de traballar o xeito, á Comisión de Medio Ambiente, non lle quedou outra que mudar de parecer. As explicacións de mariñeiros de Cesantes, que mesmo levaron unha rede para que os membros da Comisión coñeceran de que se estaba a falar, non lles quedaron máis dúbidas.

En Redondela, 40 familias víanse directamente afectadas por unha situación laboral, xa de por si, moi deteriorada. Era, o noso, o segundo concello máis afectado en todo o país. Convertéronse os mariñeiros de Cesantes en referente e vangarda desta xusta loita pola xustiza e a dignidade das xentes do mar.

O BNG, puxo todos os medios ao seu alcance para mobilizar a un sector que a Xunta de Galiza pretendía que estivera calado. Un sector que a Consellaría pretendía secuestrar. Mentres, o alcalde de Redondela, Javier Bas, actuou vergoñentamente. Non moveu un dedo por levar a voz do sector. Cando a conselleira, Rosa Quintana pasou por Cesantes, o alcalde, Javier Bas, calou. Supoñemos que se trataba da súa particular visión de “colaboración e respecto institucional”. Mentres, o alcalde de Rianxo, fixo súa esta loita e púxose á fronte dos xeiteiros e das súas familias, dando así un exemplo de coraxe e compromiso.

Contrariamente ao que pretenden vender, para o BNG, en Redondela, certifícase que o PP é o PP. Javier Bas prégase aos intereses do seu partido, antepoñéndoos aos intereses dos mariñeiros, dos veciños e veciñas.

Pola nosa parte, dende o Bloque Nacionalista Galego, imos seguir na loita dun sector estratéxico para a nosa economía local. O sector do mar, está sendo atacado e desmantelado polas agresivas políticas da Xunta de Galiza, cunha estratexia perfectamente planificada. O BNG vai seguir estando man con man, coas xentes do mar.

 DELEGACION-XEITO-EUROCAMARA-2

O BNG de Redondela satisfeito pola resolución do problema do xeito.