MOCIÓN PARA A IMPUGNACIÓN DO REAL DECRETO-LEI 24/2012 QUE LEGALIZA A FRAUDE DAS PARTICIPACIÓNS PREFE

MOCIÓN PARA A IMPUGNACIÓN DO REAL DECRETO-LEI 24/2012 QUE LEGALIZA A FRAUDE DAS PARTICIPACIÓNS PREFE

O Real Decreto-Lei 24/2012, de 31 de agosto, de reestruturación e resolución de entidades de crédito supón a legalización da estafa das participacións preferentes, na que foron vítimas milleiros de persoas subscritoras, en moitos casos pequenas e pequenos aforradores, deste produto financeiro.

O devandito Real Decreto-Lei concédelle poderes excepcionais ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), creando unha lexislación a propósito  e especialmente para que poida reestruturar o sector financeiro ao seu arbitrio, mesmo aínda que sexan entidades solventes. De acordo con esta norma, só se salvarán as entidades sistémicas, os grandes bancos de ámbito estatal, co que se abre a vía á liquidación da entidade sistémica para Galiza, NGBanco, procedente da fusión das caixas de aforros galegas, cuxo futuro resulta imprescindíbel para evitar o espolio do noso aforro.

Ademais, en base ás facultades excepcionais concedidas ao FROB, permite que dito Fondo poida mudar unilateralmente as condicións pactadas nas participacións preferentes ou outros instrumentos financeiros análogos contratados, mesmo impondo cambios obrigatorios por outros produtos financeiros, co que as persoas subscritoras de participacións preferentes poden ter que asumir perdas de até un 70% a respecto do valor inicial desas participacións e só poderán percibir polos seus activos o valor de mercado máis como máximo un 10%. Dese xeito, como xa se adiantara no Memorando asinado coa UE para percibir as axudas dirixidas a reestruturar o sector financeiro do Estado español, o Goberno asume que pequenas e pequenos aforradores teñan que sufragar unha parte do rescate da banca privada, situándose así claramente do seu lado  e virándolle as costas ás vítimas desta fraude.

Xa que logo, está a legalizarse a expropiación dos cartos na súa maior parte de persoas aforradoras, non de especuladores, a través dunha estafa cometida pola banca co engano masivo do que noso concello e en Galiza foron vítimas miles de persoas pequenas aforradoras.

Non só se consolida así a estratexia de sanear as perdas da banca privada con fondos públicos de toda a sociedade, senón que se afonda en deixar libres de toda culpa aos especuladores, ás persoas e entidades que realmente desenvolven unha economía de casino que está na raíz da actual crise, mentres se castiga a quen simplemente mantiña depósitos aforrados nas entidades financeiras.

E por isto que o grupo municipal do BNG presenta esta moción e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación municipal para a adopción do seguinte 

 

ACORDO

1. Instar á Xunta de Galiza a interpor recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto-Lei 24/2012, do 31 de agosto.

2. Instar á Xunta de Galiza a personarse na demanda interposta pola Fiscalía Superior de Galiza, apoiando as súas pretensións.

3. Instar ao Goberno do Estado a que exclúa ás persoas aforradoras subscritoras de participacións preferentes ou débeda subordinada das quitas ou canxes obrigatorios previstos no RD-Lei 24/2012.

4. Instar á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a adoptar as medidas precisas para garantir a devolución íntegra do investido ás persoas aforradoras en participacións preferentes e débeda subordinada en entidades financeiras.

5. Remitir este acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.

MOCIÓN PARA A IMPUGNACIÓN DO REAL DECRETO-LEI 24/2012 QUE LEGALIZA A FRAUDE DAS PARTICIPACIÓNS PREFE