O nerviosismo do Partido Popular.

O nerviosismo do Partido Popular.

Anda nervioso o PP en Redondela estas semanas pola problemática social creada coa modificación das normas subsidiarias no Canabal. Tratábase de abrir a porta a unha área comercial, que de consolidarse ,suporía o finiquito para o comercio local.

Non lle saíron as contas ao goberno de Javier Bas nos pasos dados ata o momento.

Tras levar o Proxecto a varias comisións de urbanismo. Na segunda destas xuntanzas o BNG  expresou o seu rexeitamento a dita proposta e pola súa banda o Partido Socialista vinculou o seu apoio ao informe da secretaria (un xeito de escapar cara adiante nesta situación tan “comprometida”).

Puxo toda a carne no asador o goberno municipal na defensa desta iniciativa empresarial, mais non contou cun actor importante en todo este proceso: a resposta dos e das comerciantes en contra da instalación dun centro comercial. Nos  seus cálculos entraba que o pequeno comercio ía quedar calado, que non se ía  mover.

Mais este sector da nosa economía non é alleo á fonda crise económica que estamos a padecer. Un dos sectores tradicionalmente castigados polas políticas da Xunta de Galiza no fomento das grandes superficies, creando lexislación para facilitar a súa instalación no País.

A saída aos medios de Alberto Pazos, quen sen dicir absolutamente nada, ocupou media páxina do diario, ou do concelleiro de urbanismo defendendo a capa e espada o Proxecto, non son máis que síntomas da encrucillada na que se atopa o PP. A publicidade dada nos últimos días a iniciativas na defensa do comercio local, confirman esta dinámica

Unha vez máis o alcalde Javier Bas, e o concelleiro de urbanismo, Arturo González, trataron de botar balóns fóra. O primeiro, afirmando que “pensaba que o pequeno comercio xa estaba informado deste Proxecto”. O segundo, vinculando conversas particulares ou xuntanzas informais tanto con PSOE como coa Agrupación de Electores, ao posicionamento do goberno municipal.

Como non podía ser doutro xeito, a voceira do BNG expresou na comisión de urbanismo na que se debateu a proposta os argumentos da organización nacionalista: “a aprobación da modificación das normas subsidiarias no Canabal, e a instalación dunha área comercial, serían o inicio da morte do pequeno comercio en Redondela”.

O nerviosismo do Partido Popular.