O BNG, solicita información sobre a Carreira de Buxos de San Simón.

Buxos da Illa de San Simón
Buxos da Illa de San Simón

“Queremos saber a situación desta formación arbórea, tan singular e distintiva do Concello, ante o avance do parásito Taladro do Buxo”, declara o concelleiro nacionalista Xoán Carlos González

Trátase dunha praga provocada por unha larva de procedencia asiática, que está a mermar a poboación de buxos da nosa contorna. O primeiro que comen os insectos, son as follas, mais ao verse afectada a cortiza a pranta chega a morrer. “O chamado Taladro do Buxo pode sumar varias xeracións ao longo do ano, sendo a segunda delas a máis letal”, afirma o concelleiro do BNG Xoán Carlos González

Ante o temor de que a Carreira de Buxos de San Simón puidera verse afectada por esta praga, dende o BNG dirixíronse ao Concello de Redondela para comprobar se se está a facer un seguimento. “Foi xa en novembro, cando presentamos un escrito para saber da situación dos buxos da Illa, recorda o concelleiro nacionalista, mais ata agora, non temos resposta ningunha. Instabamos ao goberno municipal, para que se dirixira aos responsábeis da Consellaría de Cultura, responsábel último da situación de San Simón.

Amosa a súa preocupación Xoán Carlos González, “ante a falla de resposta de ambas as dúas administracións. Semella que para o alcalde Redondela non foi unha prioridade, nos seus continuos encontros con responsábeis da Xunta interesarase pola saúde da Carreira de Buxos,”, afirma.

Recorda que o conxunto arbóreo da Illa de San Simón, constitúe un elemento singular, recollido dentro do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza. Algúns dos exemplares chegan aos 11 metros de altura, cun diámetro de 70 centímetros. “Estes buxos superan os cen anos, co que a preservación deste conxunto, constitúe unha enorme responsabilidade. Por iso quixemos saber da situación dos mesmos”, afirma Xoán Carlos González.

“Para nós a Carreira de Buxos, como espazo excepcional, agranda aínda máis San Simón. Trátase sen dúbida dun selo que pon a Redondela como referente, en todo o sur de Galiza. O Concello xa hai tempo que renunciou a rendabilizalo. Cesantes deixou de ser o peirao de referenza para visitar o arquipélago”, remata na súa nota o concelleiro do BNG.

O BNG, solicita información sobre a Carreira de Buxos de San Simón.