O BNG LEVA AO PARLAMENTO GALEGO A SITUACIÓN DO CENTRO DE DÍA DE CESANTES.
O BNG de Redondela, a través da deputada Carme Adán, levará ao Parlamento Galego unha pregunta sobre o estado das obras do Centro de Día de Cesantes. Trátase da obra de carácter social de maior importancia no noso concello nos últimos anos, cun orzamento superior a 1.600.000 euros, que foi licitada durante o goberno bipartito na Xunta; en maio de 2010 iniciouse a construción do Centro de Día, cun prazo previsto de aproximadamente 16 meses. Despois de case dous anos, e cun retraso acumulado de seis meses, o BNG de Redondela decidiu levar esta cuestión ao Parlamento Galego. Trátase de que os responsábeis da Consellaría de Traballo e Benestar concreten os prazos para o remate das obras, os orzamentos adicados á dotación, e o tipo de xestión que rexirá a súa explotación.
Para o BNG local, Redondela sofre unha evidente carencia de equipamentos de carácter social, que este Centro de Día vén a mitigar, polo menos en parte. Agora a Consellaría debe apurar os prazos para que as persoas maiores do concello, poidan facer uso canto antes do Centro.
O retraso no centro de día de Cesantes vese agravado polo abandono, por parte do Concello, do proxecto de reconverter o colexio de San Vicente de Trasmañó noutro Centro de Día.
Para o BNG, este Centro forma parte dunha serie de infraestruturas que conformarían unha rede de equipamentos sociais que Redondela debe aspirar a ter. Por este motivo, xa no seu día se puxo en marcha a Unidade de Servizos Sociais en Chapela, e na última proposta para os Fondos FEDER, o BNG negociou a inclusión nos orzamentos dunha partida para a creación dun Centro de Día nas instalacións do antigo Colexio Público de Trasmañó, proposta que foi abalada por todos os grupos políticos presentes daquela no concello. A nosa sorpresa foi descubrir que nos Orzamentos aprobados polo PP coa abstención de AER, non había ningunha partida para esta obra, o que nos fai supoñer que para o goberno local este equipamento non é prioritario.
Cos recortes de carácter social, que o Partido Popular está a desenvolver tanto desde o goberno do Estado como dende a Xunta de Galiza, é evidente que cada vez máis perigan os servizos de benestar que existían ata agora, e o goberno local non está a facer nada para que a situación mellore.